Mancomún
A Secretaría Xeral de Comunicación convoca axudas a entidades sen ánimo de lucro para a adquisición de equipamento audiovisual e multimedia para crear medios de información electrónica. Deste xeito subvencionarase a adquisición de computadores, equipos audiovisuais e multimedia e a creación de páxinas web en galego.  O último día para presentar as solicitudes é o 31 de marzo.
 

Na web da secretaría xeral podes atopar os diferentes impresos necesarios.

O mono da adicción á “droga” do software privativo obrigará ao SERGAS a pagar máis de medio millón de euros en concepto de licenzas.
Segundo este concurso público o organismo dependente da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia solicita o paquete de licenzas para 4000 postos de traballo tan só por un programa, o Micro$oft $harepoint.
Esta “droga” entrou no SERGAS por unha licitación denunciada no seu momento por varios sectores xa que non se daba a posibilidade de plantexar opcións baseadas en código aberto ou Software Libre.
Este novo concurso permitirá ter licenzas por 2 anos máis. E despóis? A pagar outra vez.

Políticas onde non se toma en consideración ao Software Libre levan a pagar unha factura excesivamente cara e a perder recursos da nosa terra. Outra denuncia nos foros de Mancomun.org fannos pensar que a Consellería de Sanidade segue estando no lado escuro…

EntransEntrans é unha ferramenta de tradución colaborativa que permite que grupos de voluntarios traballen na localización de software. Grazas ao Entrans de Mancomun.org os voluntarios traduciron ao galego Firefox 2.0 e a interface de OpenOffice.org. A nova versión xa está accesible e alí iranse colgando as nosas propostas de tradución. Coma primeiro proxecto incluímos o sistema de publicación multi-blog b2evolution. Esta aplicación será empregada como exemplo no curso de Entrans que convoca a Consellería de Educación.
 

Entre as novidades máis destacadas está a inclusión de foros e dunha listaxe dos proxectos xa realizados. Periodicamente iranse engadindo novos proxectos a esta plataforma. Outros colectivos adicados á adaptación das aplicacións informáticas ao galego coma Ciberirmandade da Fala tamén empregan esta tecnoloxía.
 
 
http://www.mancomun.org/images/stories/creativecommons.jpgA Junta de Extremadura impulsará esta lexislatura un proxecto de lei para modificar a Lei de Propiedade Intelectual e contemplar as licenzas de carácter libre, como as denominadas ‘Creative Commons’. O proxecto de lei será aprobado polo Parlamento rexional antes de que acabe a actual lexislatura para que sexa remitido posteriormente ás Cortes Xerais.

Extremadura creativa‘, xa está comprometida a liderar este movemento que poida que sexa máis importante que Linex, no campo da cultura, xa que este sector move moitos máis cartos.
Fonte: La Flecha  

Xa vai un mes dende que falamos da versión de proba de Fedora 7 Test 1 (6.90) , da folla de ruta proposta por Fedora para a liberación da súa versión estable de Fedora 7 e anunciabamos que o lanzamento da versión de proba Test 2 estaba fixado para o 27 de febreiro.

O pasado 1 de marzo Fedora anunciou que estaba dispoñible a versión de proba Test 2. Esta nova versión conta coa fusión dos repositorios do núcleo de Fedora e os extras de software, tamén dispón dun Live CD, do escritorio GNOME 2.17.91, KDE e Xfce, e un Kernel baseado en 2.6.21rc1 entre outras moitas cousas…

Esta versión pódese descargar dende
http://fedora.redhat.com/Download/mirrors.html

Fonte: http://fedoranews.org/cms/node/2733

CesgaSalustiano Mato, director xeral de I+D+I e presidente do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), e Javier García Tobío, director do CESGA, presentaron hoxe o novo sistema de cálculo desenvolvido polo fabricante DELL. O CESGA é un dos maiores contribuidores da rede GRID financiada pola Comisión Europea, EGEE. A través desta rede de supercomputación baseada en estándares abertos e Software Libre investigadores de toda Europa poden investigar novos fármacos contra o VIH ou a malaria ou predicir os efectos das inundacións.

Técnicos do CESGA desenvolven tecnoloxías para control e monitorización da rede EGEE. O software desenvolvido no CESGA foi adoptado polo CERN, institución que dirixe a implantación desta infraestrutura, para o seu uso na que é a maior rede de GRID operativa no mundo.

Para a xeración de novo coñecemento científico-técnico é imprescindible a colaboración internacional de grupos multidisciplinares. Os sistemas grid son unha ferramenta indispensable para facilitar estas colaboracións pola súa alta capacidade de procesado de traballos, a súa arquitectura e os sistemas operativos abertos, o baixo custe de mantemento e actualización, así como pola súa tolerancia a fallos a través de sistemas distribuídos. Todo isto só é posible grazas aos estándares abertos e ao Software Libre. 

O novo sistema de computación supón máis que duplicar a capacidade de cálculo do centro que pasa de 1.957,5 a 4.184,5 GFLOPS (o GFLOPS é a unidade que representa a potencia de cálculo e 1 GFLOPS equivale a mil millóns de operacións que unha máquina é capaz de resolver por segundo). O novo sistema instalado consta de 288 cores de proceso, 144 GB memoria RAM e 4.500 GB de disco. Os procesadores están interconectados por unha rede Gigabit e todo baixo Software Libre.

 

Novell vén de publicar hoxe o conversor de Open XML para a suite de OpenOffice.org.

Open XML é o formato de ficheiro que emprega Microsoft na súa suite ofimática Office 2007. Este formato ata o momento non podía abrirse dende a suite ofimática Openoffice e grazas a este conversor que acaba de rematar Novell, xa é posible que os usuarios abran e garden documentos nativos de Word 2007 dende OpenOffice.

O conversor funciona tanto na versión de Linux coma na de Windows e pode descargarse dende a web de Novell

Fonte: ComputerWorld  

O proxecto Musix anuncia unha nova versión do sistema operativo multimedia 100% libre deseñado pensando nos artistas e usuarios en xeral. Trátase da versión máis estable e amigable ata o momento.

Dende a versión 0.79, Musix GNU+Linux está enfocado na creación de contidos multimedia en xeral e na música en particular, esto é: produción musical, edición de sons, edición de vídeo, animación 3D, deseño gráfico, edición de imaxes, deseño web,… sen deixar de lado os programas de escritorio.

Os programas máis destacados en Musix 0.99 son Ardour 0.99.3 (secuenciador de son), Rosegarden 1.4.0 (secuenciador audio/midi), Cinelerra (edición de vídeo), Bluefish (deseño web), GIMP (manipulación de imaxes), Inkscape (deseño gráfico vectorial) e Blender3D (animación 3D).

Dispoñible para descarga en formato ISO dende gnu.org.

GULOOs próximos 10, 11, 12, 17, 18 e 19 de Abril GULO levará a cabo un curso sobre Software Libre coas temáticas:

  • Iniciación ó Software Libre.
  • Instalación e configuración de sistemas GNU/Linux.
  • Migración e adaptación a sistemas operativos libres.
  • Administración de sistemas GNU/Linux.
  • Seguridade en sistemas operativos libres.

O curso está aberto a propostas ao redor das temáticas suxeridas. Os interesados deben enviar as súas iniciativas a info@gulo.org.

O horario será de 16:00h a 21:00h, realizándose todo tipo de actividades relacionadas co Software Libre. O lugar de celebración será o Edificio Politécnico do Campus de Ourense.
http://www.mancomun.org/images/stories/logo_forxa.png Dentro da forxa de Mancomun.org estase a levar a cabo o proxecto de localización do aplicativo GForge (versión 4.5). A autora desta localización é María del Carmen Fernández coa colaboración da Oficina de Software Libre da Universidade da Coruña e o equipo de localización ao galego de Mancomun.org. O ficheiro de localización pódese descargar dende a seguinte URL: https://forxa.mancomun.org/projects/gforgegl.

Recentemente, esta localización foi enviada ao equipo de GForge para que nun futuro sexa incluída de xeito oficial na distribución deste aplicativo. Pódese seguir a evolución dende a seguinte ligazón:
http://gforge.org/tracker/index.php?func=detail&aid=2754&group_id=1&atid=106.

http://www.mancomun.org/images/stories/w3c.pngA Oficina do W3C en España organiza este ano as Primeiras Xornadas de Web Móvil (Mweb’07), que terán lugar o 12 e 13 de setembro en Zaragoza, enmarcadas dentro do Congreso Nacional de Informática (CEDI).

O obxectivo principal deste evento é crear un punto de encontro entre aqueles profesionais, empresas e investigadores interesados no potencial da Web accesible dende dispositivos móbiles (teléfonos, PDAs, dispositivos de man, …) tendo como base a utilización de estándares.

Un dos obxectivos da Mweb’07 é xuntar os coñecementos do mundo da industria e o contorno universitario, achegando os resultados da investigación ás empresas (favoreciendo a transferencia tecnolóxica) e creando un marco de colaboración adecuado para alcanzar futuros acordos que beneficien a ámbalas dúas partes e ao conxunto da sociedade.

Xa está aberta a Chamada á Participación (call for papers) das Mweb’07.

O observatorio de Software Libre do IDABC (Interoperable Delivery of European eGovernment Services to public Administrations, Businesses and Citizens) publica no seu boletín mensual un artigo sobre á apertura de A Forxa de mancomun.org. Este observatorio ten entre os seus obxectivos fomentar a difusión de boas prácticas no eido do Software Libre en Europa. Nova completa no IDABC.

http://www.mancomun.org/images/banners/entrans_banner.png Acabamos de rematar a revisión das cadeas da interface do Firefox que tiñamos colgadas no Entrans (http://www.mancomun.org/entrans) e que foron traducidas por todos os voluntarios do servizo e por iso vimos de publicar a tradución do Firefox ao galego (100% da interface e unha tradución parcial da axuda).

A ligazón para a descarga da tradución é a seguinte:

Complemento coa tradución ao galego do Firefox 2.0

En breve sacaremos unha actualización coa axuda totalmente traducida e revisada, e tamén en breve esperemos que a coordinación coa Fundación Mozilla por parte de galician.mozdev.org (grupo de tradución ao galego de aplicacións da Fundación Mozilla) empece a funcionar normalmente para poder enviarlles a tradución e ter unha versión do Firefox ao galego 100% oficial dispoñible dende a páxina de descargas de Firefox.

Para ver as instrucións de instalación prema en ler máis…

Instrucións para a instalación da tradución:

Para usar a tradución temos que instalar o complemento (gl-ES.xpi). Para instalar este complemento só temos que arrastrar o ficheiro gl-ES.xpi a unha ventá aberta do Firefox. Feito isto, se temos o sistema operativo en galego, o Firefox arrancará por defecto xa en galego.

Se non fose así, deberemos engadir un parámetro de execución ao Firefox. O parámetro é o seguinte (sen as comiñas):

“-uilocale gl-ES”

Outra opción é instalando o paquete de idioma e despois un complemento a maiores, o Locale Switcher, que permite seleccionar o idioma sen ter que poñer o parámetro anterior. Instálase, reiníciase e xa aparece en “Ferramentas->Idiomas->Galego”

Para instalar “Locale Switcher”
https://addons.mozilla.org/firefox/356/

EntransA Consellería de Educación en colaboración coa Consellería de Innovación organiza un curso de formación permanente do profesorado da ferramenta de tradución colaborativa Entrans. Baixo o título Entrans: a lingua galega e a tradución do Software Libre para Galicia tentarase expoñer aos docentes de ensino non universitario o propósito de Mancomun.org: Iniciativa Galega polo Software Libre, analizar as posibilidades didácticas da ferramenta para a tradución do Software Libre á lingua galega e facilitar a súa utilización docente nas áreas de lingua galega como elemento motivador do alumnado.

A inscrición realizarase a través do Sistema de Xestión da Formación do Profesorado, antes das 24:00 horas do martes 6 de marzo de 2007 (ÁREA: Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) / CFR: Servizos Centrais).  

O curso durará 10 horas dividido nunha frase presencial o 9 de marzo e outra a distancia que terá lugar do 12 ao 19 de marzo e conta coa colaboración de Mancomun.org. O programa do curso está dispoñible na área de descargas. 

FirefoxFirefox buscará unha mellor integración cos clientes de correo electrónico WebMail na súa versión 3 que verá a luz no primeiro trimestre do vindeiro ano. Os desenvolvedores da Fundación Mozilla están a traballar co equipo de Zimbra, unha solución libre de correo, mensaxería, e VoIP. Por outra banda Mozilla anda en conversas con Microsoft e Google para poder integrar opcións de Gmail e Hotmail.

O equipo de Firefox traballa paralelamente en melloras nos marcapáxinas, integración con outros servizos e a posibilidade de incluír soporte para JavaScript 2. Algunha destas melloras están pensadas para a versión 4.

http://www.mancomun.org/images/stories/gulo.pngO próximo xoves 8 de Marzo ás 17:30 terá lugar no salón de Actos do Edificio Politécnico do campus de Ourense o relatorio:

“Plan9 : Máis alá de UNIX”

Relator: Orlando García Feal (GULO)
Nivel: Medio

Este relatorio inscríbese no marco dos Coloquios Abertos, co cal os asistentes que acudan ao mesmo, poden trocar as horas de asistencia a ditos  relatorios por créditos de libre elección (da Universidade de Vigo)…

 
Publicado na lista de guls de mancomun.org.

Engadido á Axenda de eventos.

 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal