Poderá beneficiarse destas axudas calquera PEME informática galega que propoña a realización en Galicia dun proxecto de desenvolvemento final de aplicativos informáticos de xestión e implantación en PEME. As empresas deberán aportar para o proxecto polo menos un 25% do seu importe. A cantidade subvencionable é de ata 150.000 euros.
Os custos subvencionables poderán consistir en:
a) Investimentos en equipamento e instrumental de carácter tecnolóxico necesario para o proxecto de desenvolvemento final do aplicativo.
b) Gastos de adquisición de material funxible ou compoñentes necesarios para o proxecto.
c) Custos de colaboradores externos cando sexan prestados por Centros ou Institucións Tecnolóxicas, ata o límite de 10.000 € por proxecto.
d) Salario bruto do persoal da empresa dedicado ao desenvolvemento do proxecto, durante o período de execución e na proporción da súa dedicación porcentual.
O expediente avaliarase tomando en conta os seguintes criterios, seleccionando aqueles que obteñan maior puntuación ata o límite do orzamento asignado:
1. Empresa desenvolvedora de software adscrita a un clúster galego legalmente constituído. (10 puntos)
2. Localización do proxecto dentro de Galicia. (ata 15 puntos en áreas de especial interese, como as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal)
3. Número de PEME nas que se implantará gratuitamente o aplicativo. (0 – 20 puntos)
4. Custo total alegado. (0 – 10 puntos)
5. Obxectivo do aplicativo de xestión e perspectivas de incremento da produtividade nas PEME que o implanten. (0 – 45 puntos)
