Con motivo das diferentes iniciativas que dende a AMTEGA se están a levar a cabo para a difusión e fomento de uso do InnerSource entre as empresas e entidades galegas, convídase a todas aquelas persoas e entidades interesadas a unha xornada de traballo no centro GAISTECH, en Santiago de Compostela.
Sobre a xornada
Trátase dun encontro entre persoas e entidades interesadas no InnerSource, para compartir experiencias e falar de xeito distendido sobre os pasos a dar para implantar esta corrente, problemáticas atopadas, posibles novos modelos a implementar, etc.
A xornada terá lugar, como vendo sendo habitual na filosofía InnerSource, baixo a regra da Chatham House, é dicir, pódese falar a posteriori das ideas, experiencias ou resultados acadados na xuntanza, pero non se poden identificar as mesmas coas persoas ou entidades concretas que participaron.
Aínda que a xornada se adaptará aos intereses das persoas e entidades participantes, propóñense as seguintes temáticas como guión inicial:
- Primeiros pasos con InnerSource
- Estratexias InnerSource entre entidades e provedores
- Intercambio de experiencias InnerSource
A xornada será dinamizada por Daniel Izquierdo, presidente da InnerSource Commons e a Oficina de Software Libre da Xunta de Galicia.
Información práctica
Lugar: Centro GAIASTECH
Cidade da Cultura de Galicia,
Edificio Centro de Emprendemento Creativo (CEM),
Monte Gaiás, s/n, 15707
Santiago de Compostela
Data: Martes, 26 de Novembro de 2024
Hora: 10:00 (duración aproximada de 3 horas)
Inscrición: Formulario
Sobre Inner Source
Pódese definir o concepto Inner Source como a aplicación das mellores prácticas de desenvolvemento de software, que se dan nos proxectos de software libre, ao ámbito interno dunha organización. O software resultante de cara a fora pode ser software libre ou seguir sendo software privativo, pero dentro dos límites internos da organización os procesos de desenvolvemento son abertos, seguindo a filosofía dos proxectos de software libre.

O principal motivo para adoptar estas prácticas é que está altamente contrastado que o modelo de desenvolvemento do software libre facilita a innovación e a alta calidade no software. Son numerosos os exemplos de entidades de todo tipo que xa adoptaron esta iniciativa con excelentes resultados, empresas tecnolóxicas, entidades bancarias, empresas do sector da automoción ou grandes multinacionais de sectores non tecnolóxicos pero que desenvolven o seu propio software.


