Bitwarden, xestor de contrasinais
O uso seguro de aplicacións e servizos dixitais en liña, require que manexemos un gran número de contrasinais diferentes, cunha extensión longa, mesturando letras, números e símbolos. Co uso dun xestor de contrasinais, poderemos resolver estes problemas de xestión de múltiples usuarios e contrasinais.
Bitwarden é un destes xestores de código aberto que nos axuda dunha forma fácil e segura. A transparencia do código fonte debería ser un dos requisitos imprescindibles para as solucións de seguridade.
Pódese usar tanto a nivel particular, como en equipos e organizacións que necesiten compartir e sincronizar datos sensibles. Este xestor está optimizado para o seu uso tanto en dispositivos de escritorio, coma en tablets e teléfonos intelixentes.
Os datos son cifrados antes de saír do noso dispositivo, de extremo a extremo, polo que soamente nós poderemos ter acceso a eles. Pero a forma máis fácil de usar Bitwarden é integrándoo a través dunha extensión no noso navegador.
