Nesta entrega analizaremos outra ferramenta fundamental coa que debemos contar nos nosos dispositivos, un xestor de arquivos e cartafoles. O Xestor de arquivos Simple Pro (da suite Simple Mobile Tools), é un xestor libre de arquivos e cartafoles rápido e profesional, para dispositivos Android.

Con este xestor poderemos facer diferentes tarefas cos nosos ficheiros como comprimir, transferir ou converter facilmente arquivos multimedia cuns poucos clics. Conta coas características principais necesarias para a xestión de arquivos e cartafoles, como poden ser a procura, a navegación, cortar, copiar e pegar, eliminar, renombrar, descomprimir, transferir, descargar, incluíndo tamén a personalización do cartafol de inicio e a selección de cartafoles favoritos para un rápido acceso.

Con este sinxelo organizador poderás organizar e clasificar o contido do teu móbil por varias métricas e alternar entre ascendente e descendente ou utilizar unha clasificación específica por cartafoles. Para obter rapidamente a ruta dun arquivo ou cartafol, podes seleccionala facendo unha pulsación longa e copiándoa no portapapeis. Tamén poderás comprobar as propiedades dos arquivos ou cartafoles, como o tamaño, a data da última modificación ou os valores EXIF como a data de creación, o modelo de cámara nas fotos…

É unha aplicación segura, contén múltiples funcións relacionadas coa seguridade, como a protección con contrasinal dos elementos ocultos. Podes elixir entre usar un patrón, un pin ou un bloqueo biométrico para manter os teus datos privados. Funciona sen acceso a internet, garantindo aínda máis a túa privacidade.

Con este xestor tamén poderás limpar o espazo e aforrar almacenamento interno mediante a compresión de arquivos e cartafoles. Admite a navegación dos arquivos raíz, tarxetas SD e dispositivos USB. Recoñece múltiples formatos de arquivo, incluíndo música, vídeos, imaxes e documentos. Conta con tema escuro por defecto, proporciona unha boa experiencia de usuario para un uso fácil. Non contén anuncios nin permisos innecesarios.

Podes descargar esta aplicación desde o repositorio libre F-Droid ou desde Google Play.
