A avaliación das actividades realizadas así como a análise dos obxectivos alcanzados son dous piares fundamentais de toda estratexia de mellora continua. Por esta razón, a AMTEGA vén realizando cada ano estas dúas prácticas como eixo fundamental da súa política de software libre.
Neste documento recóllense pois as principais actuacións levadas a cabo durante o ano 2019 e os principais fitos alcanzados no impulso e difusión do software libre.
O plan de Software Libre 2019 materializouse coa realización de máis de 130 actuacións dirixidas tanto á cidadanía en xeral como ao sector empresarial en particular, así como á propia administración pública. Cómpre destacar que parte destas actuacións supuxeron unhas 28.700 horas de formación en software libre a preto de 27.500 persoas.
No ámbito do tecido empresarial galego, destacar que o Centro Demostrador TIC segue a ser o punto de referencia que aglutina a maioría das actividades de fomento do software libre empresarial. Así podemos destacar, que case o 90% da súa oferta formativa estivo relacionada con tecnoloxías libres ou metodoloxías ou tecnoloxías TIC de carácter xenérico. Durante o 2019 case 150 empresas galegas participaron nas actividades desenvolvidas sobre solucións de software libre. Incorporouse unha nova solución ao Centro Demostrador TIC Virtual, que conta xa cun total de 9 solucións. Pola súa parte dende o portal mancomun.gal reforzouse a difusión de solucións TIC, artigos tecnolóxicos e entrevistas de casos de éxito de interese para as empresas durante o 2019. O estudo da presenza do software libre no tecido empresarial confirma novamente que estas actuacións non só están a ser efectivas senón que continúan a ser as máis demandadas polo empresariado.
No relativo á cidadanía en xeral, podemos destacar que durante este ano reforzouse a difusión a través do portal mancomún, case triplicando o número de novas publicadas no mesmo. Ademais iniciouse a publicación dun podcast periódico co obxectivo de chegar a máis público, máis afeito a outros modos de consumición de información. Pola súa parte, grazas á colaboración cos diferentes axentes do software libre de Galicia conseguiuse a realización dun total de 123 actividades ao longo da xeografía galega. Todas estas actividades foron de carácter gratuíto e abertas ao público xeral relacionadas con temáticas diversas tanto no ámbito do software como do hardware libre.
Por último, pero non menos importante, destacar no ámbito da administración pública, a liberación dun novo proxecto como software libre por parte da Xunta de Galicia; a difusión e formación en software libre para o persoal ao servizo da administración así como a evolución continua da plataforma corporativa de desenvolvemento de aplicacións na que maioritariamente se inclúen solucións libres.
