PyTorch é unha solución da área da IA (Intelixencia Artificial) que consiste nunha biblioteca de aprendizaxe automático que se pode utilizar para diversas aplicacións dentro da IA como poden ser a visión artificial ou o procesamento de linguaxes naturais.
O proxecto iniciouse por un laboratorio de investigación de Facebook e trátase dun software desenvolvido principalmente en C++ e Python e está liberado baixo os termos dunha licenza do estilo BSD. Conta con soporte para sistemas operativos como GNU/Linux, MacOS e Windows, así como para diversas plataformas de computación para GPUs como CUDA ou ROCm e tamén para CPUs tradicionais. Aínda que o uso maioritario de PyTorch é empregando a linguaxe Python tamén se poden utilizar C++ ou Java.
PyTorch é unha biblioteca amplamente utilizada en proxectos punteiros de investigación e innovación que teñen un compoñente de IA mais tamén se utiliza en contornas de produción contando con ferramentas e funcionalidades que permiten realizar despregues de aplicacións ou modelos para o seu uso ou tamén para realizar o adestramento dos mesmos, ademais de contar con soporte para a escalabilidade en diversas plataformas de computación na nube.
