Mancomún

Google e IBM colaborarán no desenvolvemento de aplicacións de código aberto

IBM e Google anunciaron unha iniciativa para promover novos métodos de desenvolvemento de software que axudarán aos estudantes e investigadores a enfrontarse aos retos das aplicacións informáticas do futuro.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar o coñecemento dos estudantes de informática sobre as prácticas de computación paralela masiva, de forma que poidan gañar experiencia na área de computación distribuída a gran escala.

 
IBM e Google proporcionarán hardware, software e servizos para ampliar as posibilidades de investigación e mellorar os currículos das universidades. Coa combinación de recursos de ambas compañías, as dúas empresas esperan rebaixar as barreiras financeiras e loxísticas ás que se enfrontan as universidades á hora de penetrarse neste modelo tecnolóxico emerxente.

Varias universidades norteamericanas uníronse a esta iniciativa . No futuro, este programa ampliarase para incluír a outros investigadores, docentes e científicos.

Os cambios fundamentais na arquitectura dos ordenadores e os incrementos de capacidade nas redes están animando aos desenvolvedores de software a adoptar novos métodos á hora de resolver problemas informáticos. Para que o software característico da web (procuras, redes sociais, comercio en dispositivos móbiles, etc.) funcione coa velocidade adecuada, as tarefas de computación deben ser segmentadas en centos de miles de tarefas máis pequenas que se desenvolvan en moitos servidores de forma simultánea.

As técnicas de programación en paralelo tamén se utilizan para análises científicas complexos como as secuencias xenéticas ou o desenvolvemento de modelos climáticos.

Para este proxecto, ambas empresas dedicarán un gran clúster de varios centos de ordenadores (unha combinación de máquinas de Google e de servidores IBM BladeCenter e System x) que terán máis de 1.600 procesadores. Os estudantes accederán a este clúster a través de Internet para facer probas dos seus proxectos de programación en paralelo. Os servidores funcionarán con software de código aberto (open source), incluíndo o sistema operativo GNU/Linux, os sistemas de virtualización XEN e o proxecto Hadoop de Apache e desenvolvementos de Google para o seu infraestrutura pública de computación, concretamente MapReduce e Google File System (GFS).

 
Fonte: Laflecha.net  
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal