Mancomún

Innovación asina un convenio para a creación dun Dicionario Enciclopédico Galego das TIC

A Consellería de Innovación e Industria asinará un convenio de colaboración coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) para a realización do Dicionario Enciclopédico Galego das TIC, que incluirá os termos e definicións conceptuais referentes ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións. Esta ferramenta terá unha gran importancia á hora de consolidar un vocabulario para a adaptación de ferramentas libres ao galego.

O proxecto contará coa colaboración técnica e científica da Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación de Vigo e a colaboración lingüística da Real Academia Galega.

A produción do dito dicionario desenvolverase en tres anos e aloxarase nos dominios de Internet das dúas asociacións citadas e da Real Academia Galega, actualizándose de xeito permanente, e creándose no seu entorno grupos de traballo para o desenvolvemento conxunto da lingua e das tecnoloxías.

Asemade, celebraranse catro seminarios lingua-tecnoloxía en cidades galegas, co propósito de difundir este proxecto a través dos medios de comunicación e incorporar, ao mesmo tempo, a personalidades locais dos ámbitos de interese.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal