O xoves e o venres pasados tiveron lugar as primeiras xornadas Libremeeting nunha residencia universitaria da serra madrileña. Organizáronse diversos obradoiros e conferencias que se centraban na reflexión arredor do concepto libre nos diferentes ámbitos, desde a programación á arte. A asistencia reduciuse a un terzo da xente preinscrita. Contouse coa presenza de Richard Stallman e de Susan George, presidenta do Observatorio da Mundialización, filósofa e analista política (tamén vicepresidenta de ATTAC Francia).
O evento estivo patrocinado por elpais.com, que tamén cubriu o evento. Tamén acudiron personaxes da política. Destaca a exposición de Ciarán O’Riordan, de FSF Europe, sobre o proceso do borrador da GPLv3 e a de Georg Greve, presidente de FSFE. Houbo poucas novidades a excepción dunha maior énfase nunha «estratexia prohibicionista» por parte de FSF/GNU, en que incidiron tanto RMS como Marchesi (de GNU-es): “O obxectivo final do software libre é que o software propietario se acabe prohibindo”. Marchesi tamén formulou que talvez esteamos nunha fase nova onde se requira unha maior profesionalización e onde sexan máis importantes os que denominou «hackers de empresa», avogados, webmasters ou xente de mercadotecnia, é dicir, onde o mercado adopte o Software Libre co mesmo entusiasmo que o que o leva facendo desde hai anos a comunidade de usuarios e de hackers.
Fontes: El País e Libremeeting