Mancomún

Mancomun.org e a Rede de Dinamización ofrecerán formación en SW Libre para a PEME e usuarios

Mancomun.org e a Rede de Dinamización ofrecerán formación en SW Libre para a PEME e usuarios
Rede DinamizaciónMancomun.org e a Rede de Dinamización da Sociedade da Información en Galiza, dependente da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, ofrecerán máis de 1.700 horas de formación en Software Libre a pequenas e medianas empresas e usuarios en xeral ao longo deste ano. O obxectivo é mellorar a produtividade empresarial e diminuír a fenda dixital a través de ferramentas consolidadas, libres e en galego.
 
Os contidos que se desenvolverán nestes cursos serán liberados baixo licenza Creative Commons e postos a disposición de todos no portal Mancomun.org.  A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, repartida por toda Galicia, será a encargada de canalizar toda esta formación.

Os cursos dividiranse en catro módulos, dous de interese xeral e dous orientados ás PEME, e terán unha duración de 120 horas cada un. 

Introdución á Sociedade da Información agrupa unha serie de contidos de nivel básico relacionados coa navegación a través de internet, o emprego do correo electrónico e a mensaxería instantánea ou a informática básica. Empregaranse ferramentas libres como Mozilla Firefox, Mozilla Thunderbird ou Pidgin.  

O Curso de ofimática avanzada afondará en funcionalidades avanzadas do xestor de follas de cálculo e do de bases de datos de OpenOffice.org. Ademais ensinaranse as nocións básicas para a construción de páxinas web a través de Nvu

Os dous cursos para PEME serán Xestión da empresa e Xestión da rede. No primeiro introducirase aos alumnos no emprego das utilidades de contabilidade, facturación ou xestión de almacén de Abanq (anteriormente coñecido como Facturalux). As actividades formativas complementaranse con aplicacións libres de comercio electrónico ou marketing na rede. Tamén se analizarán  as posibilidades do ERP libre OpenBravo

Xestión da rede exporá conceptos como arquitectura cliente/servidor e o funcionamento dos servidores de rede ademais de abordar tamén cuestións relacionadas co comercio electrónico ou marketing na rede.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información é unha iniciativa da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información para reducir a fenda dixital actuando sobre a PEME, a administración local e a sociedade en xeral. Máis de 90 dinamizadores están espallados por toda Galicia desenvolvendo o seu labor en concellos, sedes de asociacións empresariais e outros centros de interese social. 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal