Mancomún

Melinux aforraralle á cidade autónoma de Melilla uns 36 000 euros enlicenzas

O vicepresidente primeiro da cidade autónoma de Melilla, Miguel Marín, presentou, nunha rolda de prensa, a terceira versión de Melinux, a distribución de software libre promovida por esta cidade, e os avances que se conseguiron logo de dous anos de funcionamento.

Nesta rolda de prensa destacou as vantaxes deste produto, totalmente gratuíto, de libre distribución e de fontes abertas, e salientou as melloras significativas da última versión canto á facilidade de instalación e á compatibilidade cun maior número de dispositivos.

Tamén destacou a gratuidade do produto e a posibilidade da súa copia sen restricións, ao mesmo tempo que o aforro que para a propia cidade está a supor a súa implantación nos ordenadores persoais que, actualmente, xa é da orde dos 60 equipos, mais a intención é instalalo nos 500 que posue a administración. Este feito supuxo un aforro en licenzas duns 36 000 euros, algo que para o usuario final pode ser bastante atractivo, máis aínda se se considera que existe un servizo de soporte técnico e asesoramento gratuíto que a propia cidade autónoma presta, nunha primeira fase, até o ano 2010, cunha posíbel ampliación, nunha segunda fase, de dous anos máis. Esta contía económica reverterá directamente na cidadanía, segundo expresou Marín, «xa que con ese diñeiro vanse realizar outras actuacións».

Por último, Miguel Marín destacou que o material dos cursos de formación gratuítos que imparte a cidade coa finalidade de dar a coñecer entre os melillenses as vantaxes deste produto, xa foi actualizado ás novas funcionalidades que se incorporaron ao produto nos últimos meses. Ao mesmo tempo, levouse a cabo unha campaña específica adaptada aos meses de verán, en que destaca a formación no manexo de Melinux para os máis pequenos.

Melinux pódese descargar na páxina web da cidade autónoma, ou na da propia distribución.

Fonte: Gaceta Tecnológica

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal