Dez anos despois do seu nacemento en 2002, Aula CESGA converteuse nun referente en Galicia no mundo das plataformas de aprendizaxe e colaboración online baseadas en Software Libre, posto que é a única que ofrece un espazo a investigadores e profesores galegos de calquera ámbito educativo para experimentación coas TIC, e o traballo colaborativo cos seus alumnos e compañeiros. A plataforma está actualmente baseada na solución de e-learning Chamilo.
Nada co espírito de converterse nunha ferramenta para experimentar as posibilidades das contornas virtuais de aprendizaxe, actualmente é un servizo estable ofrecido pola área de e-learning do CESGA que conta con case 23.000 usuarios e 800 cursos. É unha solución flexible que permite responder ás necesidades de profesores de todos os niveis educativos, principalmente: universidade, secundaria, Escolas Oficiais de Idiomas, ciclos formativos, formación de profesorado ou grupos de colaboración.
Mediante a realización de enquisas periódicas, durante estes anos púidose comprobar como o seu uso foise popularizando de forma exponencial, como mudou o perfil dos seus usuarios pasando do 68% de homes en 2006, ao 70% de mulleres en 2012, e como evolucionaban as tendencias e necesidades do mundo educativo. Aula CESGA hoxe é unha ferramenta moito máis social, máis colaborativa, sen abandonar a súa filosofía de sinxeleza e de ofrecer unha plataforma útil e estable para un gran número de docentes que se inician no mundo do e-learning, e todo elo grazas ao Software Libre e ao traballo realizado polo persoal da área de e-learning do CESGA.
A historia de Aula CESGA camiña da man do Software Libre
A plataforma Aula CESGA xorde como desenvolvo propio do CESGA a partir do software de licenza libre Claroline versión 1.3 , desenvolvido pola Universidade de Lovaina, Bélxica, coa colaboración dunha ampla comunidade internacional de usuarios, principalmente universidades europeas.
A razón principal da instalación deste software debeuse fundamentalmente porque ofrecía unha solución modular, sinxela de emprego, multilingüe, e moi lixeira en termos de infraestrutura hardware e consumo de recursos no servidor e no cliente. Desde o momento da súa instalación, pénsase en “Aula CESGA” como unha plataforma de xestión de cursos versátil, que poida servir para tres funciones principais:
- Permitir ao CESGA a experimentación e coñecemento detallado deste tipo de sistemas e a súa evolución, fundamentais na área de e-learning.
- Servir de soporte de ferramentas complementarias de e-learning: sistemas de comunicación, de traballo compartido, etc.
- Ofrecer un servizo estable, útil e sinxelo para docentes e investigadores da comunidade interesados na formación e innovación nos seus procesos de ensino e traballo colaborativo mediante Internet.
En marzo de 2004 publícase Dokeos 1.5, como evolución/fork de Claroline que incorpora importantes melloras, entre as que se encontrar algunhas das realizadas en colaboración co desenvolvemento de Aula CESGA (chat, perfil, traballos…). Tras unha detallada análise da área de e-learning e da comunidade de usuarios de Aula CESGA, considerouse de interese a incorporación (xa non actualización) dalgunhas melloras de Dokeos 1.5 a Aula CESGA.
En 2010 produciuse un novo fork (bifurcación) da maior parte do equipo de desenvolvedores de Dokeos, e xorde unha nova plataforma, Chamilo que herda a filosofía das anteriores, pero que ten un compromiso maior coa comunidade de software aberto e o desenvolvemento do proxecto baixo esta contorna. Así, no verán de 2010 realízase a última migración (até a data) de Aula CESGA, que supuxo un esforzo considerable, posto que xa contaba cun número moi elevado de usuarios e cursos activos.
A próxima versión de Aula CESGA, que se porá en servizo a principios do próximo curso (agosto-setembro), contará con novas funcionalidades, algunhas moi destacadas, como un servizo de multiconferencia baseado en BigBlueButton (webminar de código aberto), pero sobre todo unha gran mellora nas funcionalidades existentes: rede social, traballo en grupos, xestión dos contidos formativos e usuarios, etc. Todas esta novidades responderán ás necesidades reclamadas polos propios usuarios, que mostran un nivel de satisfacción coa plataforma e co servizo de soporte que ofrece o CESGA moi elevado.
