CENATIC acaba de publicar un novo argumentario cos motivos que deben levar ás administracións públicas a liberar o software desenvolvido por elas poñéndoo a disposición de toda a sociedade. Afirman que ao liberar o software, a Administración contribúe a reducir o seu déficit, achega valor ao sector privado, promove o crecemento da empresa TIC local, favorece a competitividade e contribúe ao desenvolvemento dunha economía sustentable baseada no coñecemento e a innovación aberta.
10 razóns para que a Administración libere software
- Permite maior eficiencia orzamentaria ao aforrar custos no mantemento e na evolución do software.
- Cumpre as recomendacións da Lei 11/2007, do Real Decreto de Interoperabilidade, e das directivas europeas da ISA.
- Favorece a transparencia, a interoperabilidade, a independencia e a sustentabilidade das aplicacións das Administracións Públicas.
- Desenvolve o ecosistema do sector TIC, garantindo a independencia de provedores e a súa dispoñibilidade futura.
- Pon coñecemento e activos a disposición das empresas.
- Contribúe á redución do déficit público, e fomenta o desenvolvemento dunha economía baseada no coñecemento e a innovación.
- Mellora a competitividade ao fomentar a cooperación entre administracións, universidades, centros de I+D+i e empresas, estendendo boas prácticas de compartimento de coñecemento e fortalecendo a innovación aberta.
- Facilita a adaptación ás necesidades concretas das administracións, en materia lingüística, lexislativa, de accesibilidade e imaxe.
- Garante a privacidade e a seguridade no tratamento da información.
- Permite Compartir, Reutilizar e Colaborar.
Dende a web de CENATIC pode descargarse o documento en versión reducida e en versión extendida.
A presentación deste documento correou a cargo de Manuel Velardo, director de Proxectos e Servizos de CENATIC, quen afirmou que “a administración pública española enfróntase a enormes retos tecnolóxicos na actualidade, como son facer efectivo o acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, permitir a reutilización de información e a interoperabilidade entre administracións, así como crear as canles necesarias para a participación da cidadanía… e ningún deles é fácil”. Para Velardo, a mellor forma de conseguilo nunha contorna de axuste orzamentario é a que establece o recente Esquema Nacional de Interoperabilidade: “compartir, reutilizar e colaborar”.
“O novo escenario caracterízase por unha contorna propicia a compartir solucións, á reutilización de sistemas e á colaboración entre institucións, e neste escenario, os sistemas de fontes abertas son unha ferramenta necesaria”, comenta Manuel Velardo, que ademais afirma que as administracións españolas xa son conscientes diso, xa que segundo os datos que manexan en CENATIC “o 50% dos grandes sistemas instalados na Administración utilizan software libre, o 46% do software desenvolvido polas comunidades autónomas é de fontes abertas, e o 80% dos grandes concellos españois teñen iniciativas de software libre”.
“Europa investiu xa 1.200 millóns de euros en software, pero aínda podería obterse un maior rendemento de todos este activos se lograse que as administracións liberen o software co que xa contan”, comenta o directivo de CENATIC. “A liberación ou publicación de software é a razón de ser do software libre, e só desta maneira é posible acceder aos beneficios dos que falamos no argumentario que acabamos de publicar”. “Desde CENATIC entendemos que para alcanzar os beneficios da liberación de software non é suficiente coa súa publicación web, senón que é necesario un correcto modelo de explotación e comunidade que, promovido polas propias administracións públicas e coa imprescindible participación do tecido empresarial TIC local e as comunidades de desenvolvemento, garanta a sustentabilidade do software liberado a través da transferencia de coñecemento e a correcta xestión de contribucións”, comentou Velardo.
Este decálogo únese ao xa publicado a finais do ano pasado titulado “10 razóns para elixir software de fontes abertas na Educación”.
Fonte: CENATIC
