Mancomún

10º aniversario da viraxe cara o Open Source de AMD

Mércores, 1 Novembro 2017

Aló por Setembro de 2007 faciámonos eco dos primeiros movementos e novas que apuntaban a unha viraxe na estratexia de ATI Technologies, subsidiaria de AMD dedicada a fabricación de procesadores e tarxetas gráficas, cara ao desenvolvemento en aberto.

O manexo dos gráficos é quizais un dos eidos onde ainda existe unha maior diferencia entre o FLOSS e o software privativo. Dende finais da década pasada, son Nvidia e AMD/ATI as que copan case que a totalidade do mercado da manufactura de procesadores gráficos en placas adicadas, sen embargo as estratexias seguidas por ambas compañías non poderían ser máis diverxentes.

Namentres o desenvolvemento dos drives libres de AMD/ATI conta coa axuda da casa matriz, o caso de NVidia é diametralmente oposto. AMD fai públicas as especificacións do seu hardware para que se poida traballar abertamente no desenvolvemento do driver. Tamén contribúe directamente mantendo un equipo interno traballando en Mesa para OpenGL; non ainda en Vulkan (outra API similar a OpenGL, pero de baixo nivel), onde son enxeñeiros de Red Hat os que están a levar o pulo inicial, ata que AMD se decida a liberar o seu código.

No caso de NVidia, ao non existir documentación e ser escasa a axuda dos desenvolvedores do driver privativo, os desenvolvedores do driver libre, nouveau, teñen que empregar como recurso a enxeñería inversa, co grande esforzo que isto supón.

Pois ben, nestas datas celebramos logo os 10 anos de ATI no mundo FLOSS, e que veñan outros 10 máis!

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal