Mancomún

25 aniversario da publicación de Linux

Xoves, 25 Agosto 2016

O sistema operativo Linux chega aos 25 anos de idade estes días. Foi un 25 de Agosto do ano 1991 cando Linus Torvals, daquela un simple estudante de Ciencias da Computación en Helsinki, anunciou ao mundo Linux a publicación de “un sistema operativo libre, só por afección, que non será tan grande é profesional coma GNU pero que servirá para ordenadores 386”.

Dende aquel anuncio ata hoxe, este sistema operativo, creado inicialmente como un pasatempo, acadou unha penetración e uso inimaxinables polo seu autor chegando a ser o sistema operativo hexemónico en moitas das areas da computación actual.

Así amosaba a súa visión actual o mesmo Linus Torvals na pasada Embedded Linux Conference: “Hoxe podes usar o teléfono Linux para conectarte a un datacenter baseado en Linux a través dun router tamén baseado en Linux para que unha intelixencia artificial che axude a elixir que dispositivo baseado en Linux mercar a continuación”.
Se ben é certo que Android contribuíu ao importante dominio de Linux no mercado da telefonía intelixente e outros dispositivos de consumo, tamén o é o feito de que Linux suplantara gradualmente a outros sistemas operativos historicamente máis vinculados ao mundo dos servidores e supercomputadores no que pouco a pouco Linux desprazou aos clásicos operativos Unix.

Definitivamente en 25 años Linux converteuse nun sistema operativo grande e profesional, co respaldo de grandes compañías, una forte comunidade e usado ao longo do mundo en servidores, teléfonos intelixentes e gran variedade de dispositivos.

A pesar diso, Linux aínda ten unha batalla pendente por gañar. Trátase do mercado de ordenadores de escritorio onde a súa penetración non chega a ser moi representativa. Segundo Linus “encantaríame que Linux conquistará ese mundo tamén, pero resulta que é un ámbito difícil. Sigo traballando nisto. Pasaron 25 anos, podo seguir traballando 25 anos máis” facendo unha clara declaración de intencións de cara ao futuro do operativo.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal