GPUL anuncia o segundo Hackathon de desenvolvemento de Software Libre. A cita será o vindeiro sábado día 30 de abril.
Igual que no anterior hackaton IoT, desenvolvido o pasado 9 de abril, o obxectivo é facer piña e crear unha comunidade de desenvolvedores preocupados polas tecnoloxías libres que impulsen proxectos de código aberto na nosa comunidade galega.
Desta volta o evento decántase polo desenvolvemento colaborativo de ferramentas que dean resposta a necesidades comúns do día a día dos participantes ou do seu entorno laboral ou familiar. Trátase polo tanto dunha temática aberta polo que convértese nunha xornada ideal para compartir coñecementos e motivacións cos demais participantes.
A cita do evento terá lugar, desta vez, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (EIX) do Concello da Coruña dende as 9:00 da maña e estenderase ata as 21:00 horas. Os asistentes estarán convidados ao almorzo e ao xantar.
Como na anterior ocasión a inscrición está aberta a todo o mundo de modo gratuíto e pode ser solicitada dende a mesma páxina web do evento. Os asistentes disporán tamén dalgún material hardware como Raspberrys Pi, Arduinos e sensores por se o precisan para facer probas.
Este evento conta coa colaboración da Amtega, a Universidade da Coruña e empresas de recoñecemento internacional como Igalia ou CartoDB, sponsors dos Gpul Labs, nos que se enmarca este hackatón, e co patronicio de Librebit.
Primeiro 1º Hackatón GPUL IoT
A anterior edición resultou un éxito con máis de 40 persoas inscritas e con diversos proxectos como un bot de Telegram para controlar unha casa domótica, un sistema de streaming de radio autónomo ou un proxecto para a apertura de pechaduras usando tecnoloxías RFID entre outros.
Estes proxectos atópanse todos publicados no grupo de GitHub de GPUL no que tamén se publicarán os proxectos que xurdan desta nova edición.
