Findeat, Sincita.es, Smartn@ture e Nextaste son os catro proxectos empresariais que o alumnado do Máster en Consultoría de Software Libre da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense presentaron o pasado venres como traballos finais do seu mestrado. Alí, os catro grupos nos que se dividiron os alumnos do máster defenderon os seus respectivos proxectos ante un grupo de empresas e institucións que poden ser posibles investidores ou colaboradores. 
“Hoxe trátase de facer unha presentación de empresa, non académica. Tedes cinco minutos para captar a atención dos posibles investidores e de describir a vosa idea de negocio”, advertíalles Enrique Barreiro aos alumnos ao inicio da sesión, segundo se pode ler na nova publicada no DUVI. De seguido, un portavoz de cada unha dos proxectos explicou aos asistentes a súa proposta empresarial.
Toni Martínez explicou en nome do seu grupo o proxecto Findeat, unha guía social de restaurantes e locais que permite aos usuarios elixir con confianza un sitio no que comer ou tomar algo sen necesidade de coñecelo previamente.
Juan Montes, explicou en representación do seu grupo o proxecto Nextaste cuxa idea é crear unha serie de ferramentas coas que calquera persoa que dispoña de acceso a Internet poida buscar suxestións á hora de elixir rapidamente que comida preparar. Os usuarios rexistrados poderán consultar receitas, comentalas, engadir outras receitas ou puntualas, entre outras posibilidades.
Manuel Portela foi o encargado de presentar Smartn@ture.com, unha plataforma de optimización de explotacións primarias. Como exemplo da súa utilidade, os seus creadores explicaron que na actualidade os pescadores instalan cordas nas bateas onde depositan os cultivos e cada certo tempo comproban o estado das cordas para, en función diso, realizar a colleita ou esperar máis tempo. “Isto leva un gran traballo e risco para os mariñeiros, xa que teñen que traballar sobre a propia batea e moitas veces non nas mellores condicións. O noso sistema monitorizará cada unha destas cordas para poder realizar o seguimento dunha forma cómoda e eficiente desde un computador. Ademais tamén permitirá controlar a estado da auga en canto a temperatura e outros aspectos”, destacaron os seus promotores.
Por último, Pablo Gómez explicou o outro dos proxectos presentados, Sincita.es, “un portal de xestión de citas e reservas no que mediante unha sinxela parametrización calquera tipo de negocio poderá ter o seu propio sistema de reservas en Internet”.
Entre o público escoitaban atentos compañeiros e sobre todo representantes das empresas e organismos convidados, entre as que estaban o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE); o Centro de Iniciativas Empresariais de Ourense; a Confederación Empresarial de Ourense; Bic Galicia; Openhost; Dosmasdos; Redegal; IdeIT; Quobis; a Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC); a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); Iniciador Galicia; o Círculo de Xóvenes Empresarios de Ourense; a Federación Galega de Xóvenes Empresarios e SOGARPO.
Rematada a exposición os grupos tiveron tempo para debater cos empresarios e representantes de institucións máis polo miúdo sobre os seus proxectos, coa intención de convencelos da viabilidade dos mesmos e conveniencia de investir neles.
Estas 4 iniciativas empresariais presentadas son o punto final da formación recibida polos alumnos ao longo do curso académico, no que a través dos distintos módulos que conforman o máster, adquiriron competencias específicas en desenvolvemento de aplicacións de Software Libre e implantación de ferramentas de intelixencia de negocio, prestando especial atención aos aspectos e técnicas das actividades da consultoría informática e os principais conceptos de estrutura da empresa, a función directiva, os procesos de toma de decisións, así como o establecemento da política estratéxica da empresa.
O obxectivo final é que o alumnado saia do máster capacitado para traballar con software libre complementado cun espírito emprendedor activo que promova a creación de novas empresas en torno ao modelo de negocio do Software Libre.
O Máster Universitario en Consultoría de Software Libre é o primeiro máster oficial público en Software Libre en Galicia e en Outubro de 2011 comezará a súa cuarta edición.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica cofinancia este Máster dentro das actuacións previstas no Plan de Acción FLOSS 2011 da Xunta que conta como obxectivo prioritario o impulso do uso do software libre e código de fontes abertas (Floss) no sector empresarial e na sociedade en xeral.
