Mancomún

A actualización do DVD "Ferramentas informáticas para a PEME" debatirase co tecido TIC do SwL

Venres, 24 Outubro 2008
DVD PEMEHai aproximadamente un ano, a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información a través de Mancomún convidou ás empresas TIC galegas a participar nunha xornada de traballo sobre o DVD Ferramentas informáticas para a PEME. O obxectivo era achegar ao empresariado galego unha recompilación de ferramentas informáticas de licenza libre que cubrisen as súas necesidades comúns.

O noso DVD da PEME está a piques de cumprir o seu primeiro ano de vida polo que é un momento axeitado para facer balance do éxito acadado e debater a estratexia para continuar polo bo camiño.

Para levar a cabo esta análise, nada mellor que contar novamente cos implantadores de SwL galegos e coñecer así, de primeira man, se as aplicacións actuais do DVD responden plenamente ás necesidades da peme galega e recoller as súas propostas sobre aplicacións candidatas a seren desbotadas ou cales deberían incluírse.

O noso obxectivo continúa a ser o mesmo, acadar que o DVD sexa unha ferramenta verdadeiramente útil e eficaz para a implantación do Software Libre na peme galega, capaz de xerar unha demanda que impulse  o fortalecemento e consolidación do tecido TIC galego.

Por isto, celebrarase unha xornada de traballo, no vindeiro mes de Novembro, cos axentes directamente involucrados no proceso de implantación do SwL. Consecuentemente, e á espera das conclusións desta xornada, o DVD da PEME manterase conxelado, é dicir, non se realizarán novas actualizacións.

Calquera suxestión ou comentario sobre o DVD será ben recibido, podedes enviárnolo,a soporte @ mancomun . org.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal