A comunidade KDE acaba de anunciar dende kdenews.org que o lugar escollido para a vindeira Akademy 2010 é a cidade de Tampere, en Finlandia.
Despois do triunfo da Akademy 2009 celebrada o pasado mes de xullo nas Illas Canarias, como parte da Gran Canaria Desktop Summit, este evento que rexistrou unha gran participación -xa que contou con máis de 1000 programadores de todo o mundo-, dirixe agora o seu rumbo cara ao norte, á terra que veu nacer o Linux. Concretamente ten marcado Tampere como destino, onde os asistentes poderán gozar do sol de media noite, así como dunha semana para presentar, preparar e participar no desenvolvemento de software de KDE e.V.
A Akademy 2010 será organizado polo COSS, o Centro finés de Solucións Open Source, en cooperación con KDE. Esta convención está prevista para finais de xuño ou principios de xullo.
Os obxectivos principais para este edición serán mostrar a tecnoloxía de KDE en novas áreas e chegar á comunidade empresarial en xeral e a de Finlandia en particular. Tamén se ten previsto aproveitar a ocasión para facer o lanzamento de KDE 4.5.
Fonte: http://www.kdenews.org/2009/09/03/akademy-2010-tampere-finland
