Mancomún

A AMTEGA convoca a VI Edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre

Mércores, 5 Xuño 2013
  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia convoca unha nova edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre
  • O premio que vai xa pola súa VI edición ten unha contía económica de 1.500 euros
  • Pode presentarse calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira nalgunha das convocatorias do ano académico 2012-2013
  • O prazo de presentación de candidaturas comeza hoxe e remata o 31 de outubro

Banner do premio ao mellor proxecto de fin de carreira con licenza libre

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e convoca por segundo ano consecutivo o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre.

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre 2013 da Xunta, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.

Por esta razón, e co obxectivo de mellorar o achegamento aos estudantes das 3 universidades galegas, a AMTEGA decidiu contar este ano coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG para a organización do premio como unha das actividades a desenvolver ao abeiro do Convenio de colaboración asinado o pasado mes de maio entre ambas entidades. A través da participación directa da OSL do CIXUG, reforzarase a formación ao alumnado, a difusión entre o profesorado titor de proxectos, a elaboración e publicación de material de axuda á hora de elaborar e publicar un proxecto de fin de carreira con licenza libre…
Este premio, que vai pola súa VI edición, ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, quen ao detectar unha importante carencia de profesionais cunha alta especialización neste área decidiu poñer o seu gran de area para reducir esa falla poñendo en marcha este premio. Dende o ano 2012 este premio é convocado e organizado pola Xunta de Galicia como parte do seu Plan de Acción en materia de Software Libre, para o que conta coa inestimable colaboración e apoio dos distintos axentes do ecosistema do software libre galego.

Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar premiando a labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira e todo elo promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

Premios
O premio está dotado inicialmente con 1.500 euros, repartidos nun primeiro premio e a posibilidade de outorgar un accésit se o xurado o considera adecuado pola calidade dos proxectos presentados.

O obxectivo do premio é o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, e a apertura a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que o Software Libre constitúe un área de traballo en crecemento.

Os requisitos que deben cumprir os proxectos son ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o Proxecto Fin de Carreira cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Por suposto, neste marco encadraríanse tamén aqueles proxectos que fagan uso de Hardware Libre.

Se algunha asociación, empresa, entidade, … ten interese en patrocinar algunha categoría especial dentro deste premio de igual xeito que en anos anteriores, pode poñerse en contacto organización do premio tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da Xunta de Galicia como da OSL do CIXUG.

Prazos
Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2012-2013. O prazo de presentación de candidaturas comeza hoxe e remata o 31 de outubro.

Todos os interesados en participar poden consultar a información na páxina do premio dentro do portal mancomún ou poñerse en contacto coa organización do premio tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da Xunta de Galicia como da OSL do CIXUG.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal