- Os exames presenciais celebraranse a finais de novembro nas aulas CeMIT de 44 concellos de toda Galicia
- O certificado CODIX emitido pola Amtega acredita a formación en materia ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convocou máis de 500 prazas de avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX). A convocatoria está orientada a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice ou ben para aquelas que opten pola modalidade de autoformación.
A convocatoria publicouse no Diario Oficial de Galicia o pasado día 13 cun prazo de inscrición de 7 días naturais dende o seguinte ao da publicación. As persoas que desexen participar nestas probas presenciais deberán inscribirse na páxina web de CeMIT.
As datas de celebración das probas presenciais serán os días 25, 26 e 27 de novembro en diversas quendas de mañá e tarde que se celebrarán nas aulas CeMIT dos seguintes 44 concellos: Ames, Betanzos, Boiro, Brión, A Coruña, Fisterra, Narón, Narón, Oroso, Ortigueira, Padrón, Pondeume, As Pontes, Porto do Son, Santa Comba e Santiago Compostela na provincia de A Coruña; Barreiros, Carballedo, A Fonsagrada, Ribadeo e Sarria na provincia de Lugo; O Barco, O Carballiño, Castrelo de Miño, Celanova, Manzaneda, Ourense, Verín e Xunqueira de Ambía na provincia de Ourense, e A Cañiza, Cuntis, A Estrada, A Guarda, Lalín, Marín, Moaña, Pontevedra, Tomiño, Valga, e Vigo na provincia de Pontevedra.
Pode consultarse o calendario completo tanto na orde do DOG como no portal web da rede CeMIT.
Para inscribirse nestas probas é preciso rexistrarse previamente como usuario da rede CeMIT. Só se poderá inscribir nunha única localidade, e unha vez rematado o prazo de inscrición, realizarase un sorteo para asignar as prazas dispoñibles en cada localidade.
Avaliación
Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
•Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
•Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress.
•Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
•Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc.
Estes materiais poden ser seguidos libremente na modalidade de autoformación dentro do Espazo Multimedia de Aprendizaxe (EMA) da Rede CeMIT, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compoñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo.
Lembramos que os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia e están dispoñibles coa licenza libre CC-by-sa e en diversos formatos (pdf, epub, scorm e elp) para a súa reutilización por parte de calquera persoa interesada no repositorio de documentación de software libre.
Os materiais están dispoñibles nos seguintes formatos:
-
elp: Formato editable do aplicativo de elaboración de materiais formativos, exelearning, que posibilita que calquera poida corrixir, modificar, ampliar, engadir exercicios, etc aos materiais.
-
Scorm: Formato estándar para a súa reutilización en plataformas de teleformación.
-
pdf: O curso impreso en formato pdf para facilitar a súa visualización en calquera dispositivo que conte cun lector de pdf.
-
epub: Formato estándar para a súa lectura en dispositivos móbiles, ereaders, etc
Cómpre mencionar que tanto os formatos epub como pdf, serven para que calquera poida descargar e acceder aos contidos sen necesidade de permanecer conectado, pero obviamente coa contrapartida de perder as posibilidades de visualizar vídeos, ou realizar exercicios de autoavaliación, para o que recomendamos seguir os cursos a través da plataforma EMA da rede CeMIT.
Máis de 1.000 prazas no ano 2015
Con esta derradeira convocatoria do ano cúmprense as previsións recollidas no Plan de formación da rede CeMIT para este ano 2015 de realizar dous cursos de teleformación titorizados (publicados en febreiro e setembro) e outras dúas convocatorias de exames presenciais (en abril e outubro), ofertando en conxunto máis de 1300 prazas para a cidadanía en xeral e que terán a súa continuidade no vindeiro ano 2016.
A estes datos hai que engadir as máis de 300 actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas CeMIT de forma presencial durante este ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 1.700 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de internet.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
Estas iniciativas forman parte das actuacións do Plan de acción de Software Libre da Xunta de Galicia.
Fonte: Amtega
