- A liberación destas ferramentas permitirá a creación dunha comunidade de desenvolvedores en torno a elas abrindo a posibilidade de xeración de negocio para as empresas TIC
- A aplicación de xestión de pequenos establecementos hostaleiros foi presentada ao sector durante os meses de xullo a setembro de 2012, espertando o interese doutros organismos e entidades turísticas do resto do estado
- A aplicación de captura e explotación de datos turísticos implantouse en 7 paneis táctiles nas Oficinas de Turismo da Xunta e permite extraer datos sobre o perfil do viaxeiro en Galicia
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) está a colaborar co Instituto de Estudos Turísticos de Galicia (IETG) para liberar dous aplicativos desenvolvidos por este organismo e que están a ter una gran acollida entre o sector tanto en Galicia como no resto do Estado. Tráase do aplicativo de xestión de establecemento hostaleiros e do aplicativo de captura e explotación de datos de índole turística en tempo real.
A liberación destas ferramentas no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia, permitirá crear unha comunidade de desenvolvemento e de usuarios ao redor delas, na que distintas empresas ou entidades poidan colaborar no seu mantemento e evolución, revertendo en beneficio de todos e permitindo xerar negocio.
Aplicación de xestión de establecementos hostaleiros
Durante os meses de xullo a setembro de 2012 o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia presentou ao sector hostaleiro galego a aplicación de xestión de establecementos hostaleiros, unha ferramenta pioneira no Estado para mellorar a xestión dos pequenos establecementos turísticos e para compartir datos estatísticos.
Este aplicativo permite aos pequenos establecementos xestionar as súas reservas e facturas nunha base de datos ordenada de clientes; fixar e modificar os prezos dos cuartos en función das características dos mesmos; obter informes de xestión e plannings semanais e/ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación; isto é, operacións do día a día que afectan á carga de traballo do empresario, xerente, recepcionista, persoal de limpeza…
O aplicativo está a ter unha importante acollida nos establecementos aos que vai dirixida xa que cobre perfectamente as súas necesidades e non lles supón ningún custo de adquisición.
Ademais, diversas entidades e organismos turísticos do resto de Estado, como Exceltur teñen contactado co Instituto de Estudos Turísticos de Galicia para amosar o seu interese en dita ferramenta. Este software compártese tamén a través da plataforma “Comparte Iniciativas”, unha ferramenta de intercambio de transferencia tecnolóxica en materia turística entre as comunidades autónomas dependente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur).
Aplicación de captura e explotación de datos de índole turística en tempo real
Dende o pasado mes de Agosto están a poñerse en funcionamento nas Oficina de Turismo da Xunta de Galicia un total de 7 paneis táctiles que, por primeira vez, e grazas a unha aplicación informática especialmente deseñada para este traballo polo IETG, permitirán a explotación de datos de índole turística en tempo real.
A través deste panel, as persoas que acudas ás oficinas turísticas, poderán, ademais de consultar información turística de cada destino, realizar unha enquisa turística que permitirá obter datos dos perfil do viaxeiro na Comunidade: estancia (aloxamento), motivo da visita, duración, medio de transporte utilizado ou aspectos de valoración.
Este sistema de enquisamento, pioneiro en Galicia, require simplemente que a oficina conte con acceso a Internet dende o punto de información turística. Unha vez recollidos os datos, o sistema inclúeos directamente nunha base de datos conectada ó servidor central do IET Galicia, responsable de procesalos. Esta fonte de información permitirá unha toma de decisións máis axustada á realidade do mercado turístico.
Repositorio de Software Libre da Xunta
A colaboración entre a Amtega e o IETG enmárcase no Plan de Acción 2012 en materia de Software Libre da Xunta que pon a disposición da administración pública galega o servizo de certificación de liberación de software. A través deste servizo e co asesoramento do Centro Nacional de Referencia en materia de software libre (CENATIC), elaborarase un informe técnico e xurídico que garanta a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar, procedendo á liberación do software no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia.
Fonte: Xunta de Galicia
