Mancomún

A Amtega lanza o Plan de Software Libre 2017 con 110 actuacións, o 35% das cales son en colaboración cos axentes galegos do sector

Luns, 22 Maio 2017
  • A Axencia vén de asinar coas asociacións de empresas e usuarios de software libre e coas universidades os convenios para a organización de xornadas, cursos e obradoiros de fomento do uso do software libre
  • O Plan de Software Libre abrangue liñas específicas de actuación para os eidos da administración, a cidadanía e a empresa
  • Seguirase promovendo o emprego de tecnoloxías libres en iniciativas de calado en ámbitos como Administración electrónica, a educación ou a cultura
  • O Centro Demostrador TIC virtual de solucións libres incorporará dúas novas solucións á súa oferta, Woocommerce e Zabbix
  • A Amtega convocará a X edición do Premio ao mellor proxecto universitario con software libre

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) lanza o Plan de Acción en Software Libre 2017, que recolle un total de 110 actuacións para promover a reutilización de software na administración pública, impulsar unha oferta de solucións libres e de calidade para as empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.

Ao igual que nos restantes plans anuais, parte das súas actuacións desenvolveranse en colaboración cos principais axentes do sector a través de acordos de colaboración. Así a Amtega vén de renovar, cunha dotación conxunta de 125.000€, os convenios de colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas, e con oito Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL), Bricolabs, GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa, Recuncho Maker, Trasno e Xeopesca.

Os acordos asinados permitirán a realización dun total de 38 actuacións das 110 do Plan 2017, que inclúen dende a tradución de Software Libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social ou a formación en Software Libre nas Universidades.

Software Libre na Administración

No ámbito da Administración o Plan de Software Libre 2017 promoverá o emprego de tecnoloxías libres en proxectos de calado para a Administración como o nodo de interoperabilidade das administracións públicas galegas (PasaXe), o proxecto Abalar, a migración do sistema de xestión bibliotecaria, etc. Así mesmo, liberaranse dous novos proxectos desenvolvidos pola administración pública galega a fin de facilitar a súa reutilización por outras administracións.

Software Libre na empresa

No ámbito empresarial, as actuacións irán dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que permitan ás nosas empresas mellorar en eficacia e competitividade. Un ano máis será o Centro Demostrador TIC o elemento vertebrador destas iniciativas. Ademais de fomentar as sesións demostradoras de software libre está previsto incorporar dúas novas solucións libres ao CDTIC Virtual, como son a solución de comercio electrónico WordPress-Woocomerce e o sistema de monitorización e seguridade Zabbix.

Software Libre para a cidadanía

Finalmente, entre as actuacións dirixidas á cidadanía en xeral, destacar que se seguirán potenciando as tecnoloxías libres dentro dos programas de alfabetización e capacitación dixitais da rede CeMIT así como no resto de iniciativas recollidas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia.

Convocarase o X edición do Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software Libre en colaboración co CIXUG, que integra as tres universidades, e tamén coa participación da Asociación GPUL. Será neste eido onde se desenvolverán a maior parte das actuacións que se executarán ao abeiro dos convenios de colaboración asinados cos axentes do ecosistema de software libre de Galicia antes mencionados.

Balance do Plan de Software Libre 2016

Xunto co lanzamento do Plan 2017 publícase o balance das actuacións de fomento do software libre desenvolvidas pola Amtega e en colaboración cos distintos axentes durante o ano 2016.

No ámbito da Administración continuouse a promover a plataforma corporativa para o desenvolvemento de novas aplicacións na Amtega onde o software libre ten unha importante presenza.

No relativo ás empresas, máis da metade das actividades organizadas polo CDTIC estiveron relacionadas co software libre, onde o CDTIC Virtual conta xa con 6 solucións de software libre que poden ser probadas polas empresas galegas. Os estudos do OSIMGA amosan que o 85,7% das empresas, o 49,8% das microempresas e o 87,2% das empresas TIC galegas empregan software libre.

No tocante á formación a empresas e cidadáns, a través dos diferentes recursos cos que conta a Xunta de Galicia (Rede CeMIT, CNTG, EGAP, CDTIC, etc…) e os distintos axentes implicados impartíronse máis de 35.000 horas de formación en software libre a máis de 47.000 persoas.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal