A Amtega clausura mañá venres a iniciativa “Faite Dixit@l” cun seminario de expertos sobre “Internet das cousas” e coa entrega dos premios do ‘Primeiro Concurso ‘Faite Dixit@l!’ de Aplicacións Móbiles’. O acto terá lugar no Edificio CINC, na Cidade da Cultura.
A xornada iniciarase co último faladoiro de Faite Dixit@l. A partir das 10 da mañá, cinco expertos abordarán o presente e o futuro das cousas conectadas a internet, de como a ligazón de obxectos de uso cotián coa rede pode facilitar o desenvolvemento das persoas, do alcance desta tecnoloxía e da súa potencialidade en campos como a educación, a saúde, o lecer ou a cultura.
Finalizado o faladoiro, que estará moderado por Manuel Velardo, director xerente de CENATIC, a partir das 12:30 terá lugar o acto de clausura de “Faite Dixit@l” a cargo da directora de Amtega, Mar Pereira. Durante o acto farase entrega dos premios do concurso de aplicacións móbiles de Faite Dixital, que tiña por obxectivo recoñecer a creatividade na creación de ferramentas tecnolóxicas que mellorasen a dispoñibilidade de recursos para a cidadanía e fomentasen o uso da tecnoloxía de código aberto.
Faladoiro dixital “Internet das cousas”
O faladoiro dixital estará moderado por Manuel Velardo, director xerente de CENATIC (Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías de Información e a Comunicación baseadas en Fontes Abertas), e nel participarán como relatores:
- Marcos Saavedra, co-fundador do estudo Vermis Project e director da oficina española da empresa, responsable do proxecto Vermis, finalista do Fujitsu Design Award 2011. Actualmente envorcado no proxecto VermisLAB, un proxecto educativo que ten como obxectivo potenciar a creatividade e a curiosidade de alumnos e alumnas ao redor das novas tecnoloxías, o deseño e a ciencia.
- José Manuel Ruiz Pérez, co-fundador e CEO de Smarttek, empresa tecnolóxica dedicada ao desenvolvemento e comercialización de aparellos de robótica para o fogar, con liñas de traballo en I+D+i para a o traballo ‘intelixente’ dos dispositivos eléctricos e electrónicos conectados á rede.
- Miguel Ángel Montero, membro da Comisión eSalud de AMETIC (Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Comunicación, Telecomunicacións e Contidos Dixitais), que con máis de 40 empresas representadas, ten como obxectivo garantir o posicionamento do sector TIC Saúde no mercado actual e converterse nun referente TIC no sector sanitario.
- Rodrigo Martínez, xefe de proxecto do Instituto Tecnolóxico Hostaleiro (ITH), que actualmente desenvolve o proxecto ‘ITH Smart Hotel Now’, dotado de IOT Technology para a interacción entre usuarios e hoteis a través da primeira app hostaleira capaz de adaptar espazos e experiencias á medida de cada hóspede.
- Ismael Faro, asesor e mentor tecnolóxico con máis de 15 anos de percorrido no campo do emprendemento, asistindo a startups a levar as súas ideas a mercado e traballando e colaborando en proxectos open source, tanto empresariais como gobernamentais, dentro do marco da innovación tecnolóxica.
Concurso de aplicacións móbiles de Faite Dixital
Este concurso tiña por obxectivo recoñecer a creatividade na creación de ferramentas tecnolóxicas que mellorasen a dispoñibilidade de recursos para a cidadanía e fomentasen o uso da tecnoloxía de código aberto.
Presentáronse 12 aplicacións, e mañá darase a coñecer o gañador que recibirá de Hewlett-Packard un computador portátil convertible en tablet. Ademais Serán entregados, ademais, catro diplomas, ás mellores aplicacións en canto á perspectiva de negocio, valor social, deseño e usabilidade.
Asistencia e inscrición
A asistencia ao faladoiro e os actos de clausura do proxecto ‘Faite Dixit@l!’ son de participación libre ata completar o aforo do lugar de celebración. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse de xeito totalmente gratuíto cubrindo o seguinte formulario de inscrición.
Está prevista tamén a emisión vía streaming a través das webs de CeMIT e de CDTIC, e dos perfís de ‘Faite Dixit@l!’ nas redes sociais (@faitedixital en Twitter, e www.facebook.com/faitedixital en Facebook).
Faite Dixit@l
‘Faite Dixit@l’ é unha iniciativa de capacitación tecnolóxica, que se puxo en marcha en setembro, a través dos centros da Rede CeMIT, e dirixida a propiciar o empoderamento dos usuarios en materia tecnolóxica para favorecer a súa empleabilidade coa tecnoloxía e a sociedade da información como base.
Unha das actividades do proxecto foi o Concurso ‘Faite Dixit@l’ de aplicacións móbiles, co que se buscaba recoñecer a creatividade na creación de ferramentas tecnolóxicas que mellorasen a dispoñibilidade de recursos para a cidadanía e fomentasen o uso da tecnoloxía de código aberto.
