- A AMTEGA achega a estas entidades 110.000 euros para o impulso do Software Libre a través de convenios de colaboración enmarcados nas actuacións do Plan de Software Libre da Xunta para o ano 2013
- En conxunto desenvolveranse máis de 50 actividades comprendendo a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o desenvolvemento de proxectos ou a elaboración de material formativo sobre Software Libre.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) colaborará co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas, e con cinco Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia (AGUSL) para impulsar a promoción e fomento do uso de software libre entre a cidadanía. As AGUSL que participan nesta iniciativa son GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Asociación Cultural Proxecto Trasno.
En total, a Amtega achegará a estas entidades 110.000 euros, a través de convenios de colaboración, para o desenvolvemento de máis de 50 actividades que abranguen a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o desenvolvemento de proxectos, a elaboración de material formativo e a tradución ao galego do software libre.
Fomento da tradución de Software Libre ao galego
A través destes acordos a AMTEGA continuará prestando apoio e achegando recursos ás diversas entidades e tradutores que conforman a comunidade de tradución de Software Libre ao galego para facilitarlles a labor que realizan de forma totalmente voluntaria e altruísta a prol da normalización do uso da lingua galega nas TIC.
Así a Asociación Cultural Proxecto Trasno, celebrará durante o 2013 dúas novas edicións das Trasnadas; eventos de formación e debate en localización en centros de ensino, universidades ou centros sociais e a organización do Traslatón 2013, consistente nunha fin de semana intensiva de tradución dun proxecto grande aínda por determinar.
Pola súa parte o CIXUG, rematará a tradución ao galego do proxecto Moodle, plataforma de teleformación empregada nas 3 universidades así como noutros portais de teleformación da Xunta de Galicia.
Nesta mesma liña a asociación Ghandalf traducirá ao galego un novo libro sobre Software Libre que se unirá aos que levan traducidos nos últimos anos.
VI edición do Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira Software Libre
A AMTEGA contará este ano coa colaboración do CIXUG para a organización da VI edición do Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira Software Libre. A través da involucración directa da Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego, reforzarase a formación ao alumnado, a difusión entre o profesorado titor de proxectos, a elaboración e publicación de material de axuda á hora de elaborar e publicar un proxecto de fin de carreira con licenza libre…
Implantación de Software Libre nas universidades
A OSL do CIXUG márcase como obxectivo o incremento da porcentaxe de uso de software libre nas aulas de informática das escolas e facultades galegas, para o que durante o 2013 continuará coa implantación progresiva de Software Libre iniciada en anos anteriores. Así 25 novas aulas de informática das 3 universidades galegas contará con arranque dual co sistema operativo desenvolvido o pasado ano Ubuntu SO-XUG, e instalarase alternativas libres para os programas privativos habituais de uso nas escolas e facultades galegas en 70 novas aulas.
Celebración de xornadas de difusión e formación en Software Libre
A maior parte das actividades que está previsto que desenvolvan as AGUSL durante o 2013 son precisamente xornadas divulgativas, cursos ou obradoiros en torno a software, hardware e cultura libres.
A asociación Melisa organizará 3 cursos de temática avanzada como HTML5, edición de son ou sobre o software estatístico R, e tamén realizar unha serie de xornadas de difusión en centros penitenciarios de Galicia. GPUL organizará a duodécima edición das súas habituais Xornadas Libres, as Xornadas Multimedia e un Obradoiro de criptografía, seguridade e privacidade…
Destacar a temática do Hardware Libre que cada ano toma maior popularidade. Así Ghandalf organizará as II Open Source Hardware Demonstration tralo éxito do pasado ano, e GPUL as II Xornadas sobre Hardware Libre, mentres que GALPon organizará o Obradoiro de Arduino Connection.
Pola súa parte a OSL do CIXUG organizará cando menos 3 xornadas de difusión sobre licenzas, localización e desenvolvemento áxil de software.
Este é só un pequeno esbozo das máis de 50 actividades que se levarán a cabo, e que están recollidas con detalle no Plan de Acción en materia de Software Libre presentado o pasado luns 8 de abril de 2013.
