Mancomún

A AMTEGA publica o Catálogo de produtos, servizos e provedores de software libre en Galicia

Domingo, 7 Abril 2013
  • É unha ferramenta de consulta web que permite procurar información sobre os produtos, servizos e provedores de Software Libre de Galicia rexistrados no MapaTIC.gal
  • Publícase a aplicación web desenvolvida para o catálogo na Forxa
  • Publícanse no portal Open Data abert@s os servizos web do MapaTIC.gal

Catálogo de Software Libre en GaliciaA finais de 2012, un de cada catro provedores (23,40%) rexistrados no MapaTIC.gal ofrecía os seus servizos en torno a tecnoloxías libres, mentres que o 22,30% dos servizos e produtos rexistrados eran software libre.

A pesar destes datos, que amosan que en Galicia existe unha boa oferta en torno ás tecnoloxías libres, unha das necesidades detectadas nos estudos do uso de Software Libre nas empresas elaborados anualmente polo OSIMGA, é que exista falta de información sobre os produtos e provedores de software libre.

Co obxectivo de favorecer a visibilidade destas solucións TIC con licenza libre, a AMTEGA a través do portal Mancomún, que recolle as iniciativas de software libre en Galicia, publica o catálogo de produtos, servizos e provedores de Software Libre de Galicia.
Este catálogo é unha ferramenta de consulta web que permite a procura por categorías dos produtos de software libre así como a información dos provedores que prestan servizos sobre eles. Esta interface de consulta está integrada no portal mancomun.org e toma coma orixe de datos o MapaTIC.gal o que permite dispor dunha información unificada e actualizada directamente polos provedores TIC de Galicia. Así os produtos que se dean de alta no MapaTIC e sexan software libre incorporaranse automaticamente neste novo catálogo, coa referencia aos provedores que prestan os seus servizos sobre eles.

No catálogo pódense atopar dende solucións de xestión empresarial, plataformas web ou software especializado. Esta nova ferramenta dá unha visibilidade diferenciada a estes produtos de calidade garantes coas liberdades proporcionadas polo Software Libre.

Este catálogo de produtos e provedores vén a substituír e mellorar outros servizos ofrecidos ata agora dende o portal mancomún como o Directorio de empresas de software libre de Galicia ou o DVD da peme.

Animamos a todas as empresas que ofrezan servizos en torno a produtos libres que se rexistren no MapaTIC.gal, se aínda non o fixeron. Ademais das vantaxes de participar no punto de encontro virtual entre os diferentes actores que participan na Oferta-Demanda Tecnolóxica de Galicia, que ademais sirve de ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia alén de potenciais demandantes de tecnoloxía, agora tamén terán maior visibilidade a través do portal mancomún.

MapaTIC tamén en abert@s

Coincidindo coa publicación deste catálogo, publícase tamén a documentación e a ficha de datos do servizos web do MapaTIC.gal en Abert@s, o portal da iniciativa Open Data da Xunta de Galicia.

A publicación desta ficha permitirá a reutilización dos datos dos provedores tecnolóxicos de Galicia para o desenvolvemento de novas aplicacións, achegando aos usuarios así a liberdade de uso dos datos do MapaTIC.

Esta publicación pode servir para que outros axentes reutilicen os datos do MapaTIC para a difusión dos produtos TIC de Galicia.

Os servizos publícanse cunha licencia Creative Commons con Atribución (CC-BY) permitindo calquera tipo de uso sempre que se cite a orixe dos datos do MapaTIC.

Publicación como Software Libre do catálogo

A propia ferramenta desenvolvida para a visualización deste catálogo publícase no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia baixo a European Public License 1.1 e a AGPLv3.

A aplicación desenvolvida e liberada permite non só a súa reutilización por calquera persoa interesada, senón que tamén serve de exemplo ou experiencia de uso dos servizos web do MapaTIC publicados en Abert@s.

O código fonte pode descargarse dende o Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia aloxado na Forxa de Mancomún.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal