Mancomún

A asociación Chuza convoca o I Certame de Aplicacións de Software Libre Chuza!

Venres, 25 Abril 2014

Cartel do concurso de Chuza!A Asociación Cultural Chuza vén de anunciar a convocatoria do primeiro certame de aplicacións de software libre Chuza! para o que onde contan coa colaboración de GPUL. O obxectivo deste certame é contribuír ao desenvolvemento tanto da web de Chuza como ao incremento do tecido de aplicacións galegas con licenza libre. Por isto, premiarase a mellor aplicación de software relativa á cultura galega e/ou a sociedade galega. Poderá ser unha aplicación independente ou unha mellora (parche) para o web de Chuza.

No concurso pode participar calquera persoa agás os membros da Xunta Directiva de Chuza! e de GPUL.

Para participar, os interesados, deberán presentar os seus traballos antes do 15 de Outubro de 2014 as 23:50 en GMT+1.

O código deberá ter sido desenvolvido durante todo o seu transcurso nun repositorio público de código fonte, a aplicación deberá estar cando menos localizada (l10n) ao idioma galego en calquera das súas variantes, e por suposto deberá distribuírse cunha licenza libre que sexa copyleft segundo a FSF. É dicir, serán válidas: a GNU GPL, a GNU AGPL, a CC BY-SA 3.0 ou posterior e a GNU LGPL soamente en caso de bibliotecas.

No prazo dun mes do remate de presentación darase a coñecer os gañadores do concurso. O primeiro premio para o gañador será de 250€ e o xurado poderá conceder a maiores dous premios accésit de 50 euros e/ou material. Ademais, a asociación ofrece a posibilidade de integrar calquera aplicación na infraestrutura de Chuza, sempre logo de estudar caso por caso.

A continuación reproducimos un resumo das bases do concurso, que poden consultarse completas en pdf.

Que se valora?

  • A temática é libre pero terase en conta a mellor aplicación de software relativa a cultura galega e/ou a sociedade galega. Poderá ser unha aplicación independente ou unha mellora (parche) aplicado á web de Chuza.
  • O correcto emprego do paradigma de programación escollido
  • O emprego de patróns de deseño coherentes e xustificados
  • Os mecanismos que fagan accesible a aplicación ou aportación que se faga
  • A claridade e facilidade de mantemento do código
  • Cada unha das siglas en SOLID. Single responsibility, Open-closed, Liskov substitution, Interface segregation and Dependency inversion

Condicións?

  • A aplicación deberá ser Software Libre, xa que o obxectivo é que teña continuidade e que o maior número de persoas poda interactuar con ela e aprender da mesma.
  • Poderá acollerse a calquera licenza de Software Libre que sexa copyleft segundo a FSF. É dicir, serán válidas: a GNU GPL, a GNU AGPL, a CC BY-SA 3.0 ou posterior e a GNU LGPL soamente en caso de bibliotecas.
  • As entidades organizadoras non requiren á asignación do copyright para participar no concurso.
  • Non existe limitación en canto a linguaxe de programación e/ou plataforma a empregar. Non obstante, a equipa de desenvolvemento de Chuza poderá facer observacións ao respecto.
  • A aplicación deberá de estar localizada (l10n) ao idioma galego en calquera das súas variantes. Non se exclúe a posibilidade de localizala noutras linguas a maiores.
  • Os aspirantes poderán empregar a lista de correo de desenvolvemento para comunicarse cos organizadores, ademais do correo da asociación.
  • Os aspirantes poderán empregar unha lista de correo específica (certame@googlegroups.com) para este certame para comunicarse cos organizadores, á que estarán subscritos os membros do xurado, en https://groups.google.com/forum/#!forum/certame

Como entregar?

  • O código terá que ser desenvolvido durante todo o seu transcurso nun repositorio público de código fonte.
  • O método de entrega será enviar un correo electrónico ao enderezo chuza.gl@gmail.com no cal se xuntarán todos os documentos que poidan ser interesantes como: memoria resumo, capturas de pantalla,… e será obrigatorio indicar o repositorio PÚBLICO de código ( Github, Bitbucket, Google Code,…)
  • Habilitarase unha categoría no Chuza para que os aspirantes poidan interactuar cos usuarios de Chuza.

Conformación do xurado

  • O xurado para o primeiro premio serán os socios da Asociación Chuza!
  • O xurado para os restantes premios estará conformado por cinco membros que serán sinalados nominativamente por GPUL e mais Chuza, sendo 2 de Chuza! e 3 de Gpul.

Outros detalles?

  • A Asociación ofrece ademais a posibilidade de integrar calquera aplicación na infraestrutura de Chuza. Esta posibilidade será estudada caso por caso.
  • A Asociación resérvase o dereito a rexeitar calquera participación no concurso, sexa por non cumprir as normas do certame ou polo criterio que a Asociación estime que non está de acordo cos obxectivos deste premio.
  • O certame está aberto a colaboracións externas, tanto de persoas como de entidades públicas e privadas que queiran aportar a melloralo.
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal