- Trátase dun proxecto piloto pioneiro en España, para poder ofrecer cursos en liña aos internos desde os propios servidores do centro.
- Ademais, realizarase unha definición dunha nova tipoloxía de rede e unha reconfiguración da infraestrutura informática do centro empregando solucións libres, como GALPon MiniNo.

A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA) porá en marcha en setembro un proxecto piloto para dotar ao centro penitenciario de A Lama dun servidor onde poder instalar unha aula virtual para ofrecer teleformación aos internos.
Trátase dunha iniciativa pioneira en España, que permitirá que os reclusos de todos os módulos do centro penitenciario poidan ter acceso a cursos de formación en liña dende as respectivas aulas informáticas de cada módulo, que se conectarán co servidor interno no que estará albergado un servidor Moodle con distintos cursos de teleformación de introdución ao uso de novas tecnoloxías baseadas fundamentalmente en software libre. Dado que as aulas informáticas dos distintos módulos do centro penitenciario non teñen acceso externo a Internet, este proxecto piloto permitirá incrementar a oferta formativa para os reclusos a un custe baixo.
Esta iniciativa é froito da colaboración da colaboración da Asociación Melisa co Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, e forma parte das actividades que esta asociación realiza ao abeiro do convenio de colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) no marco do Plan de Acción de Software Libre da Xunta de Galicia.
Paralelamente levarase a cabo tamén a actualización progresiva de todas as aulas informáticas dos distintos módulos, empregando unha adaptación da distribución GNU/Linux MiniNo e configurando unha rede local con xestión centralizada de usuarios e permisos. O obxectivo desta iniciativa é conseguir un mellor mantemento da infraestrutura informática, que permita aos internos traballar nunha rede local e compartir a mesma información nos diferentes postos de traballo.
Unha vez rematada esta primeira fase, e despois de realizar as primeiras probas, trasladaranse os resultados ao organismo central de institucións penitenciarias de Madrid, para que avalíen se pode ser exportable a outros centros do país. Na actualidade ningún centro penitenciario de España conta cun equipamento deste tipo e os resultados do proxecto que se inicia na Lama servirá de referencia para o resto de centros do estado.
Iniciativa “Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos”
Esta experiencia levarase a cabo cos reclusos que participaron nos cursos formativos que veñen impartindo os voluntarios de Melisa dentro da iniciativa “Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos” no centro penitenciario de A Lama. O pasado 29 de xullo, rematou o obradoiro impartido neste centro, no cal participaron un total de 8 internos, e no que se traballou con dous equipos dos recibidos por parte da AMTEGA. Ensinóuselles aos internos como instalar a distribución Minino [http://minino.galpon.org], explicando cada un dos pasos necesarios para levar a cabo esta tarefa: creación de particións, alta de usuarios, configuración da rede, etc. Os equipos unha vez configurados pasaron a formar parte do parque informático do centro, xestionado polo taller central.
Este ano estase a celebrar a terceira edición da iniciativa “Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos” onde nos dous primeiros anos formáronse un total de 83 internos dos cinco centros penitenciarios galegos, e os dous CIS, da Coruña e de Vigo, participaron dos obradoiros formativos, axudando así á súa inserción no mercado laboral a través da formación en diferentes áreas TIC.
Na edición deste ano, ademais do obradoiro práctico de montaxe e configuración de equipos no centro de A Lama, impartiuse xa no mes de Xaneiro outro obradoiro no centro penitenciario de Arteixo. Un total de 15 internos participaron nese obradoiro impartido polos voluntarios de MeLiSA, Jorge Lama e Rafael Rodríguez. Para poder realizar este obradoiro, realizouse unha doazón de 7 equipos informáticos completos, os cales, unha vez revisados e configurados, quedaron a disposición do centro para seren utilizados nas diferentes aulas de informática coas que conta o centro penitenciario. Estes equipos contan ademais cunha copia da Wikipedia para poder realizar consultas desde o propio ordenador. Toda a información dispoñible na enciclopedia libre poderá consultarse sen necesidade de conexión a internet, algo que desde os centros penitenciarios non é posible.
Actualmente estase a desenvolver outro obradoiro de introdución á informática no centro de Monterroso, e nos próximos meses impartirase algún máis.
O proxecto “Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos” ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías e o software libre aos sete centros penitenciarios existentes en Galicia, a través da formación dos internos en novas tecnoloxías e software libre.
A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide
Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA), vén colaborando desde 2012 coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dentro das actividades do Plan Anual para o fomento do Software Libre e tamén é unha entidade colaboradora do Programa Voluntariado Dixital
Programa de Voluntariado Dixital
Esta iniciativa, posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.
A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas. Neste momento 20 empresas do sector TIC colaboran co Programa de Voluntariado Dixital como Mecenas Dixitais a través de distintas liñas de actuación como Voluntariado Corporativo, formación de consumidores/usuarios, doazón de bens capitais, cesión de uso de espazos TIC ou apoio á comunicación, entre outras.
Fonte: Amtega
