Mancomún

A asociación Inestable.org anuncia novas actividades para o mes de Abril

Mércores, 14 Abril 2010

Inestable.org anuncia a planificación dos Obradoiros de instalación de GNU/Linux e a súa participación cun stand da asociación na Festa do Champiñón de Ordes.

Obradoiros de instalación.

Terán unha periodicidade mensual e, salvo imposibilidade, celebraranse o último sábado de cada mes no local de inestable.org, onde os membros da asociación estarán a disposición de quen teña interese en instalar algunha versión de GNU/Linux no seu computador.

Desta volta, segundo nos contan, para comezar xa cunha excepción á planificación, este primeiro obradoiro correspondente ao mes de abril, terá lugar o vindeiro sábado 17 de abril, a partir das 16:30, (no 2º andar da Casa de Cultura en Ordes) precisamente por coincidir o último sábado de mes coa Festa do Champiñón. Lembran que estas excepcións poderían repetirse, polo que aconsellan a todos os interesados a consultar sempre a web para saber en cada momento si se fai ou non o do mes correspondente.
Que se fai nun obradoiro de instalación?

  • Concepto de distribución e como elixir unha
  • Probas modo "live"
  • Arranques múltiples
  • Particionado e redimensionado
  • Instalación
  • Configuracións post-instalación
  • Actualizacións
  • Personalizacións
  • Escritorios
  • etc

Ademais destes obradoiros programados tamén poden organizalos noutras datas a petición dos interesados, e mesmo (se houbera xente dabondo) ofrécense a organizar unha "quedada" de fin de semana.

Torneo e premios

Como complemento aos obradoiros de instalación, organizarán tamén un torneo que se vai celebrar a finais do verán (pendente de concretar a data). Trátase de presentar o escritorio de cada participante e expoñer os seu modo de traballar e, en base a parámetros de usabilidade, ergonomía, e mesmo estética, puntualo. Haberá premios (tamén sen concretar polo momento).
A participación no torneo está aberta a calquera usuario dunha distribución GNU/Linux, sen necesidade de ter asistido previamente aos obradoiros. Aínda que animamos a todos aqueles que xa empreguen GNU/Linux, e que non precisen dos obradoiros de instalación, a participar igualmente connosco e así axudar á xente que veña e pasar unha agradable tarde en comunidade.

Festa do Champiñón de Ordes.

A Festa do champiñón é unha festa de tipo gastronómico e de mostras comercias e das actividades de asociacións que se celebra anualmente no Concello de Ordes. Nela, o Concello pon stands a disposición dos participantes para amosar ao público en xeral o contido das actividades que se desenvolven.

Así, os inestables van estar no campo da feira con "xoguetes" libres no seu propio stand, onde aproveitarán para publicitar todas as actividades regulares que teñen planificadas así como a dispoñibilidade do seu local. Tratándose dun acto festivo disporán ademais no seu espazo de dous equipos con software libre de tipo lúdico, poñendo a disposición de todos os presentes dúas plataformas de baile e micrófono, para poder desfrutar de xogos como:

  • Stepmanía: Simulador do clásico xogo de baile arcade "Dance Dance Revolution"
  • UltraStar De Luxe: Xogo inspirado no Singstar™ para a Playstation®
  • e Frets on Fire: Xogo de características similares ao coñecido Guitar Hero™

Fonte: Inestable.org

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal