A Campus Party, que se desenvolverá do 28 de xullo ao 3 de agosto na Feira de Valencia, presentará as novidades máis avanzadas no mundo do Software Libre segundo os organizadores do evento. Nesta edición participarán grandes expertos na materia como Marcus Hardt, membro do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear, o maior laboratorio de investigación en Física de partículas a nivel mundial).
Hardt ofrecerá unha conferencia sobre Grid Computing, unha innovadora tecnoloxía que permite utilizar de forma coordinada todo tipo de recursos (entre eles cómputo, almacenamento e aplicacións específicas) que non están suxeitos a un control centralizado.
Outro dos grandes relatores do código aberto en Campus Party será Rasmus Lerdorf, inventor do PHP, linguaxe de referencia na Web 2.0…
Jon Hall, un dos pais do código aberto e máis coñecido como ‘Maddog’ entre a cada vez máis nutrida comunidade do ‘software’ libre, repite visita á maior festa tecnolóxica do mundo. Tras a conferencia maxistral que ofreceu na pasada edición e que tivo unha espectacular acollida, este ano o encontro celebrará o ‘Reto Maddog’.
Trátase dunha experiencia nunca realizada con anterioridade, na que o presidente de Linux International avaliará persoalmente as ferramentas desenvolvidas polos participantes en dúas áreas (mellor aplicación para teléfonos móbiles e mellor aplicación para web, ambas, por suposto, deseñadas con programas de código aberto).
Sen dúbida, todo un desafío para os amantes do ‘software’ libre co que, ademais de obter suculentos premios, poderán ter a experiencia única de compartir tempo e coñecementos cunha figura da relevancia de Jon Hall.
Fonte:
