Recibimos unha nota da Ciberirmandade da Fala na que se nos informa da posta en marcha dunha infraestrutura de reforzo e soporte para a galeguización de software que reproducimos a continuación:
"Comeza a andar o proxecto g11n.net (http://www.g11n.net), ideado como unha plataforma que facilite a localización de software libre á nosa lingua mediante a posta en funcionamento dun conxunto de ferramentas ofrecidas á comunidade e na que, de forma autoxestionada, as decisións sexan debatidas e acordadas entre todos e todas. Para participar no proxecto non é preciso ser un experto/a informático/a, pois calquer persoa cun mínimo de interese pode facer achegas dende distintos eidos.
Das diversas propostas que teñen xurdido, identificouse a falta de xente como un dos principais problemas estruturais, común a todos os proxectos de galeguización. Para resolvelo, cremos que o sistema de foros pode ser moi útil en canto que mellora a visibilidade da comunidade no exterior..
A este efecto vimos de poñer en marcha un servizo comunitario de foros abertos, accesíbel xa dende o enderezo do proxecto (http://www.g11n.net).
Temos claro que tanto a estrutura do proxecto como o funcionamento dos foros son cuestións que deben ser decididas colectivamente; por iso dende o principio queremos que quede claro que a estrutura actual é só unha proposta que facemos para que sirva de punto de partida.
A canle para tomar este tipo de decisións é o foro "Organiza" no que dende xa convidámosche a participar, con só rexistrarte nos foros. Neste sentido o rexistro é automático (non require autorización de ningún administrador, tan so activación dende unha ligazón que recibirás por correo) e dá dereito a participar no foro adicado á propia organización (os visitantes non rexistrados poderán ler, pero non escribir, cousa que si poden facer nos restantes foros).
Tal como xa fomos anunciando, a intención é montar un conxunto de ferramentas postas a disposición da comunidade, autoxestionada, e en ningún caso forma parte dos nosos obxectivos crear unha organización propia separada das demais; trátase exclusivamente crear unha estrutura na que todos e todas teñamos cabida e da que poidamos facer uso libremente.
Chegados a este punto, damos por rematado xa o proceso de posta en marcha da infraestrutura básica comunitaria de g11n para facilitar a localización de software libre á nosa lingua, e comezamos os debates con dous temas básicos: a estructura dos foros e a sua política de uso. Se che presta, rexistrate, discute e decide."
A Ciberirmandade da Fala (ou CIF, como tamén é coñecida) é unha das máis antigas iniciativas en prol da galeguización da informática. Da súa constancia e activismo dan boa fe as campañas de difusión para demandar das administracións e institucións tanto galegas como estatais a existencia de versións en galego dos portais oficiais, a tradución de software ao galego ou a súa defensa dos recursos en rede para a normalización.
