- AGASOL, ASOLIF e o Cluster TIC Galicia organizan a quinta edición da LibreCon
- Internet of Things, a nova educación, a electrónica de consumo e o sector da automoción conectada serán os eixos temáticos desta edición
- Canonical entre as primeiras organizacións confirmadas para a LibreCon 2015

Santiago converterase unha vez máis, no centro dos negocios, o emprego e as tecnoloxías abertas a escala internacional , en cita obrigada para a industria tecnolóxica, coa presenza de directivos de todos os niveis, responsables técnicos, traballadores do sector e axentes públicos e privados tractores de innovación, coñecemento, emprego e negocio que queiran coñecer o último en solucións baseadas en tecnoloxías libres.
Cunha audiencia esperada de 1.500 profesionais e 600 empresas, LibreCon 2015 xirará arredor da electrónica de consumo e o sector da automoción -sistemas de entretemento, automóbil conectado-, Internet Of Things e a nova educación, ademais de reservar un espazo para o eCommerce.
Como aconteceu na pasada edición, as conferencias, mesas redondas e presentacións de proxectos vertebraranse nestes itinerarios centrados na difusión do coñecemento práctico aplicado de solucións abertas, a través de casos de éxito reais no ámbito público e privado en cada un dos eixos temáticos. Haberá tamén zonas de obradoiros e demostracións de produtos e solucións abertas, cun enfoque eminentemente práctico dirixidos cara perfís máis técnicos con capacidade de decisión nos departamentos TIC das empresas ou organismos públicos.
LibreCon mantén pois un ano máis o seu obxectivo fundamental de creación de negocio y emprego en todos os sectores da sociedade a través das tecnoloxías libres, a innovación e o emprendemento esperando superar as 500 reunións de negocio da edición 2014 que tivo lugar en Bilbao.
Xavier Castaño, presidente de AGASOL afirma que a “LibreCon é un foro único para coñecer algúns dos casos casos de éxito de negocios e tecnoloxías abertas máis relevantes do panorama internacional. Pero non só iso, senón que é un punto de encontro de networking no que se fomenta o tecido empresarial, as inversións, o emprego e sobre todo porque será un evento no que terá a oportunidade de xerar negocio con algunhas das principais compañías e entidades de Europa”.
LibreCon é un evento de nivel mundial con expertos de distintos ámbitos e organizacións internacionais, que en anos anteriores, contou coa presenza de Bruce Perens, cofundador da Open Source Initiative (OSI), Jeremy Allison, área de Open Source de Google, Jesús Ruiz, director de Innovación Aberta de Banco Santander, Peter Hofmann, responsable do proxecto LiMux do Ayuntamiento de Munich, Timur Pulathaneli, enxeñeiro de desenvolvemento en FORD ou Jim Whitehurst, presidente de Red Hat.
Este ano a organización está traballando para contar novamente con poñentes de relevancia internacional que expoñan a súa visión sobre o uso e o desenvolvemento de tecnoloxías abertas. Así está xa confirmada a participación de Canonical e estase traballando para contar coa presenza de Fundacións e Alianzas de empresas internacionais relacionadas cos eixos temáticos da conferencia.
O obxectivo será novamente organizar o mellor evento de Europa sobre Casos de Éxito con Tecnoloxías Libres. En Xullo abrirase o prazo para enviar propostas de charlas, e así participar en LibreCon, ben sexa un taller ou unha demo técnica.
