Recentemente foi publicado en Joinup un informe que detalla o proceso de migración da cidade francesa de Toulouse a LibreOffice.
Segundo nel se recolle, a migración a LibreOffice é un dos proxectos principais dentro da estratexia tecnolóxica que está a levar a cabo o goberno da cidade dende o ano 2008, e que se mantén a pesar do cambio na cor do goberno dende Abril deste mesmo ano. O proceso de migración como tal tivo unha duración de un ano e medio, despois do cal o 90% de escritorios está a usar LibreOffice como solución ofimática.
Esta migración, segundo indincan os seus responsables, permitiu un aforro de 1 millón de euros nos primeiros tres anos, xa que o custe de licencias da solución ofimática que estaban a empregar anteriormente supoñía 1,8 millóns de euros cada 3 anos, e o custe do proceso de migración foi de 800.000 euros, debido en grande parte a algúns desenvolvementos que se tiveron que facer.
Esta iniciativa é tan só un exemplo dentro da política que están a seguir en canto a aposta polo software libre, xa que como se recolle no mesmo informe, o goberno da cidade actualmente conta con varios sitios web soportados por software libre, ferramentas colaborativas e portais baseados en ferramentas libres como Liferay e Alfresco.
Open Data
Do mesmo xeito, e completando a aposta polo software libre, a cidade de Toulouse está apostando tamén polos datos abertos como eixo principal da súa política, creando o portal Toulouse Métropole Data, que está tamén construído totalmente con solucións libres.
Esta aposta non ten só motivos de transparencia, senón que en palabras dos seus responsables, se inclúe este movemento dentro da estratexia de desenvolvemento económico da cidade: "A apertura dos datos anima a mellorar a transparencia democrática e ao crecemento, xa que facilita o desenvolvemento de aplicacións, especialmente para empresas do sector dixital".
Actualmente o portal conta con 165 conxuntos de datos publicados.
