Mancomún

A Comunidade de OpenOffice.org convértese na Document Foundation e a suite ofimática en LibreOffice

Mércores, 29 Setembro 2010

The Document Foundation A comunidade de voluntarios desenvolvedores e promotores de OpenOffice.org anunciou que, logo de 10 anos de crecemento tendo a Sun Microsystems como fundador e principal sponsor, veñen de crear unha fundación independente chamada “The Document Foundation”para garantir a independencia do proxecto no futuro. A misión desta fundación é facilitar a evolución da Comunidade de OpenOffice.org nunha nova estrutura organizativa aberta, independente e meritocrática nos vindeiros meses. Unha fundación independente é o que mellor encaixa nos valores dos membros desta comunidade e permitirá obter unha Comunidade máis efectiva, eficiente, transparente e inclusiva.
A Fundación estará dirixida por destacados membros e líderes da anterior Comunidade de desenvolvemento de OpenOffice.org, como por exemplo Caolán McNamara, enxeñeiro senior en Red Hat; Charles H Schulz, líder da Native-Language Confederation; Olivier Hallot, CFO de BrOffice.org; Claudio Filho, membro fundador do proxecto BrOffice.org ou Jesús Corrius, líder do proxecto de localización ao catalán. Ademais conta co apoio doutras prestixiosas organizacións como a FSF, Google, Novell, RedHat, Canonical, Open Soruce Initiative, BrOffice.org, a Fundación GNOME, …

LibreOffice A Fundación convidou a Oracle a formar parte da mesma e a doar a marca OpenOffice.org que a comunidade fixo medrar nos últimos dez anos. Pendentes da decisión que tome Oracle, polo momento empregarase a marca “LibreOffice” para continuar co desenvolvemento do software. Agora mesmo está dispoñible para a súa descarga unha primeira versión beta da suite, para GNU/Linux de 32 e 64 bits, Windows, Mac e o código fonte. Inicialmente só se distribúe en idioma inglés e coa modificación da marca e imaxe en progreso á espera de poder avanzar no proxecto.

Os desenvolvedores están convidados a contribuír ao código neste novo contorno máis aberto así como a modelar o futuro da suite xunto con todos os que contribúen á tradución, probas, documentación, promoción … dos aplicativos.

Fonte: The Document Foundation

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal