Mancomún

A comunidade de tradutores de Ubuntu ao galego promove o LoCo Team en Galicia

Luns, 31 Agosto 2009

Felipe Gil Castiñeira, coordinador do equipo de tradución de Ubuntu ao galego, fixo un chamamento estes días entre os Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre para a participación no LoCo Team galego, que os tradutores desta distribución levan forxando desde hai meses.

Un LoCo Team ou Comunidade Local ten como obxectivo axudar a promover, traducir, desenvolver e, en definitiva, mellorar Ubuntu, dentro da actividade dunha rexión concreta. A meirande parte dos LoCos teñen proxectos como a tradución ou a personalización de Ubuntu para as súas áreas específicas.

Concretamente o novo equipo galego reza o seguinte entre os seus obxectivos: divulgar o GNU/Linux Ubuntu e apoiar quen o utilice, e contribuír para a creación dun GNU/Linux Ubuntu que inclúa as marcas culturais galegas (idioma, símbolos, eventos…).
Os LoCos non teñen como propósito reemprazar nin solapar a labor desenvolvida polos Grupos de Usuarios de Linux (LUG), senón complementalos. Segundo esta idea, Felipe Gil propón que o LoCo “sirva como apoio para aquelas actividades que utilicen a a distribución Ubuntu (cursiños, festivais de instalación…) que organicen os GGULS, Oficinas de Software Libre ou calquera outro grupo, entidade ou asociación.”

O LoCo Team galego xa ten estabelecidos a infraestrutura básica (páxina web, foro,wiki…), restando só a constitución do colectivo de membros. A este respecto, o equipo do LoCo Team está aberto á participación de calquera entidade vencellada ao software libre en Galicia: GGUL, organizacións, asociacións…

Máis información na web do proxecto.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal