Hoxe comeza a decimosegunda edición da popular Xuventude Galicia Net 2011 e un ano máis coordinouse coa organización desta xuntanza informática galega a dispoñibilidade dun Stand Promocional da comunidade galega do Software Libre que estará situado na área de entrada á Xuventude Galicia Net 2011 , sendo a Asociación Trasno quen estará fundamentalmente en dito stand.
Segundo relatan na súa web, varios trasnegos, como se coñecen aos membros desta asociación, estarán alí presentes durante o Sábado 16 de abril promocionando o software libre e ensinando o seu traballo a todo o que se achegue polo stand.
Mais esta asociación aproveita todas as ocasións para difundir e formar a quen o desexe na interesante labor de tradución ao galego de aplicativos libres, e así impartirán dous relatorios para os que non é preciso estar inscrito na XGN para asistir:
-
"11 anos de informática en galego", un relatorio-debate na que se analizarán estes 11 anos de traballo comunitario traducindo ao galego e as perspectivas de futuro.
-
"Obradoiro de localización", unha sesión de iniciación á tradución de software libre na que se pretende dar unha rápida noción de como comezar a traducir.
Entre o resto de obradoiros e concursos da XGN tamén hai representación do resto de asociacións ou empresas galegas de software libre como:
-
Túneles IP cifrados con OpenSSH impartido por Óscar Casal, colaborador da OSL da USC e membro de GLUG. Tratará temas como Que é e para que serve. Instalación en GNU/Linux Redirixir X Restrinxir por usuario,grupo, ip. Claves públicas/privadas Túneles ssh: securizar servizos, redirección de portos Manexo e autenticación de identidades: ssh-add Cluster SSH
-
Crea facilmente un xornal dixital á altura do New York Times – OpenNemas, o CMS para xornais dixitais. David Martínez da empresa OpenHost explicará como funciona a nivel tanto técnico como funcional o CMS OpenNemas, produto Galego creado poa empresa OpenHost.
-
Web caching: como mellorar o rendemento de sitios web. Francisco Diéguez, da empresa OpenHost e tamén técnico da OSL da USC, dará unha explicación sobre técnicas e mellores prácticas sobre optimización de sitios web.
Outras xornadas de difusión esta fin de semana
Mais a actividade de difusión de Trasno non se queda aí, xa que segundo informan estarán tamén dende o Venres 15 ao Domingo 17 acompañando á asociación Inestable de Ordes no seu stand na feira multisectorial ExpoOrdes 2011 e XXII Festa do Champiñón. Se se repiten as cifras do ano pasado, máis de cincuenta mil persoas pasarán pola feira, que é o maior evento anual da comarca. Todo o que pase por alí poderá coñecer de preto a labor que está a desenvolver Trasno e mesmo asistir a un improvisado taller de localización de software libre.
Finalmente tamén haberá presenza de algún trasnego na Noite Drupal e GNU/Linux organizada pola Comunidad O Zulo da que xa vos falamos anteriormente.
Sen dúbida é unha intensa fin de semana con múltiples posibilidades de achegarse ao software libre que contan con financiamento da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.
