- A delegación galega, coordinada por Mancomún, concluíu con éxito a súa participación na Conferencia Internacional de Software Libre en Málaga.
A delegación galega na Conferencia Internacional de Software Libre (CISL) en Málaga concluíu hoxe a súa intervención no evento cunha valoración moi positiva dos resultados acadados, chegando incluso a superar as expectativas establecidas en materia de promoción e difusión, así como na interrelación cos diferentes axentes do mundo das tecnoloxías abertas de cara ao establecemento de futuros proxectos de colaboración.
Foron un total de 20 persoas, pertencentes aos GGUL (Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre), a empresas a través da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), e ás oficinas universitarias de Software Libre de Galicia, as que, baixo a coordinación do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre- Mancomún, fixeron chegar á CISL os proxectos que actualmente se están a desenvolver en Galiza.
A través do stand da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, ao que foron convidados os axentes anteriormente citados e baixo o lema “Co Software Libre xogamos todos en Galiza”, Mancomún sorprendeu expoñendo unha estrutura colaborativa pouco común no resto de comunidades e que atraeu a un gran número de interesados…
Entre os proxectos expostos, tiveron especial repercusión o “DVD de ferramentas informáticas para a PEME” e o informe “O Software Libre en Galiza 2007” de Mancomún, a distribución para equipos de recursos limitados do GGUL GALPon, ou o plano de actuacións das tres Oficinas Universitarias de Software Libre en Galiza.
Ademais o traballo da comunidade galega puido coñecerse a través dos relatorios institucionais impartidos polo coordinador de Mancomún, Xesús Manuel Benítez Baleato, e polo Subdirector Xeral da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, Rafael I. Juanatey, os cales pecháronse cun elevado índice de asistencia. Ademais, as intervencións de Roberto Brenlla e Claudio F. Filho, como membros de TEGNIX, conseguiron o aplauso dos asistentes abordando a temática da lusofonía no mundo do Software Libre e do Broffice, respectivamente.
A participación da delegación galega en Málaga, promovida pola Dirección Xeral a través de Mancomún, foi máis alá de obxectivos estratéxicos e péchase como un auténtico exercicio de convivencia entre a comunidade de Software Libre en Galiza e da que dará conta proximamente Mancomún co material audiovisual e fotográfico recollida ao longo dos tres días do evento.

