O Día da liberdade dos Documentos (DFD) é unha iniciativa a nivel mundial promovida pola Free Software Foundation Europe que se celebra dende hai 2 anos o derradeiro mércores do mes de marzo. A FSFE convida a calquera individuo, comunidade, institución,… a unirse a este día mundial de celebración o vindeiro día 30 de marzo de 2011.
O obxectivo deste día é chamar a atención sobre a importancia de conservar os documentos dixitais que empregamos en formatos libres e baixo estándares abertos, así como promover a adopción de formatos de documentación abertos. Os estándares abertos garanten a liberdade de acceso aos datos así como a liberdade de poder desenvolver programas libres capaces de ler e escribir os datos en formatos abertos. A FSFE promove co DFD a creación dunha rede global e a coordinación de actividades en todo o mundo para difundir a importancia destes conceptos na era dixital.
A Comunidade galega do software libre quere unirse a este día de celebración mundial organizando unha xornada galega do Día da Liberdade dos Documentos na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo á que convida a achegarse a toda a cidadanía.
Nesta xornada, unha vez máis, a comunidade galega do software libre, formada por persoas e colectivos de toda índole: asociacións, grupos de tradución, desenvolvemento, empresas, arte, etc , é quen de traballar en conxunto compartido un mesmo obxectivo común que desta volta consiste en amosar a importancia do emprego de estándares abertos.
Importancia dos estándares abertos
Nun momento en que boa parte do noso traballo está a ser xestionado a través de sistemas informáticos, os formatos e estándares abertos son un tema esencial para conservar a liberdade e resgardar os nosos documentos cara ao futuro. I
maxine que vostede comprase un televisor que só puidese recibir sinais dunha soa empresa. Ou empregase un teléfono que só se puidese comunicar con teléfonos desa mesma empresa e non outros. Iso pasa todo o tempo no campo informático: un sistema de mensaxeira instantánea que non se comunica con outro. Un documento de texto que se abre cun só procesador de texto. Un vídeo que só se ve cun reprodutor determinado. Un sitio web que é accesible desde un único navegador. Este tipo de feitos serían inadmisibles en calquera outro campo, e con todo, son comúns na comunicación mediada por computadores.
Cantas veces ocorreu que ficheiros gardados nun formato privativo tornáronse inaccesibles logo de que o provedor do software abandonara a asistencia ao mesmo? Cantas veces viuse obrigado a conseguir un programa específico dunha empresa en particular, porque alguén lle enviou un ficheiro importante nun formato que só se pode abrir coa última versión dun programa desa única empresa?Cantas veces topouse cun sitio gobernamental que o obrigaba a usar o software dun só provedor para exercer os seus dereitos como cidadán?
Construír un ecosistema informático no cal múltiples provedores convivan, os cidadáns teñamos o dereito a elixir sen temor a sufrir discriminacións, os formatos estean libres de patentes e restricións legais para a súa implementación e poida estudarse como están construídos para preservalos a futuro, é unha das tarefas fundamentais para quen velamos polo libre acceso ao coñecemento, o respecto aos dereitos cidadáns en Internet, a perennidade dos datos e a igualdade de cidadáns ante a lei.
Chamar a atención sobre este tema permitiranos construír un modelo de comunicación dixital onde ningunha persoa sexa discriminada ou tratada con menores beneficios que outra polo software que emprega.
Polo momento a Comunidade Galega do Software Libre está a dar os primeiros pasos cara a organización desta xornada e proximamente estará dispoñible o programa da mesma. Grazas ao seu traballo xa está dispoñible en galego material de difusión do DFD, para que calquera que queira contribuír cos obxectivos deste día poida facelo na medida das súas posibilidades.
