Os días 26 e 27 de maio terá lugar na Universidade de Cádiz o primeiro HackFest destinado á Comunidade OpenDNIe. Organizado por CENATIC reunirá aos responsables dalgunhas das institucións colaboradoras do proxecto como a Dirección Xeral da Policía e Garda Civil (DGPGC), a comunidade OpenSC, a Free Software Foundation Europe (FSFE), o Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO), as empresas Atos Origin e Emergya, así como moitos outros desenvolvedores entre os que destaca Juan Antonio Martínez.
Este primeiro evento asociado á Comunidade OpenDNIe analizará o desenvolvemento, evolución e sostibilidade do driver aberto e legal do DNI electrónico en España sobre o estándar de criptografía de clave pública PKCS#11. Ademais, trataranse aspectos técnicos e legais do proxecto, e as liñas de actuación futuras no que a identidades digitais se refire desde o punto de vista do desenvolvemento de software, marcando o camiño conxunto entre OpenDNIe e OpenSC.
Un evento pioneiro cun dobre obxectivo.
“Celebrar este HackFest potenciará a incorporación de novos desenvolvedores á Comunidade OpenDNIe, pero ao tempo, invitamos a expertos de primeiro nivel para que nos axuden a anticipar o futuro das identidades dixitais en Europa”, comentou Manuel Velardo, director de proxectos e servizos de CENATIC. Así, estarán presentes na Universidade de Cádiz o líder europeo da Comunidade OpenSC, Martin Paljak; o experto xurista da Free Software Foundation Europe, Malcom Bain; e o desenvolvedor do driver oficial Juan Antonio Martínez. Están previstas conferencias que mostrarán como está construído internamente o driver e como contribuír ao seu mantemento e evolución, pero tamén pequenos grupos de consultoría rápida en que todos os interesados poden facer preguntas a estes expertos sobre desenvolvemento, integración e/ou aspectos xurídicos.
Doutra banda, outros expertos do propio CENATIC, do Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) e das universidades de Cádiz, Sevilla e A Lagoa, ofrecerán obradoiros específicos que potencien o coñecemento do desenvolvemento en C para o DNIe, o proceso de execución de probas, ou as fórmulas de colaboración coa Comunidade OpenDNIe.
A tecnoloxía desenvolvida pola Comunidade OpenDNIe beneficia á cidadanía.
“O driver OpenDNIe evolucionou a tecnoloxía presente no DNIe orixinal, superando barreiras que obstaculizaban o seu uso xeneralizado e favorecendo a total interoperabilidade da ferramenta”, comentou Manuel Velardo, director de proxectos e servizos de CENATIC. De feito, Velardo afirma que “esta nova tecnoloxía xa permite que sexa compatible con todos os sistemas operativos, incluíndo a plataforma móbil Android, algo moi relevante que axudará á cidadanía a facer uso dos servizos públicos a través da telefonía móbil”.
Doutra banda, a transparencia e accesibilidade do driver OpenDNIe fixo que dende de maio estea integrado na matriz OpenSC, e que estea sendo instalado na maioría dos sistemas operativos. “Este feito dota ao driver dunha funcionalidade que potencia a inclusión da cidadanía na Sociedade da Información e consolida a súa relación coas Administracións Públicas co uso do seu DNIe”, puntualizou o directivo de CENATIC.
Sobre o Proxecto OpenDNIe.
O proxecto OpenDNIe comeza coa publicación en xuño de 2010 por parte da Policía de toda a documentación do DNIe. “A Administración é un axente moi activo na liberación de software, e conta para iso co apoio xurídico, técnico e metodolóxico de CENATIC. Son procesos complexos que levaron máis tempo do previsto, pero o obxectivo sempre foi a liberación e publicación do driver do DNIe”, indica Manuel Velardo. “Grazas a este asesoramento, a Policía entendeu que un factor chave para que os drivers funcionen na totalidade das plataformas tecnolóxicas é confiar a súa evolución á propia Comunidade, formada no caso de OpenDNIe por persoas individuais, pero tamén por empresas e administracións públicas”.
A participación de CENATIC no proxecto do DNIe español comeza xa en 2008 coa creación, xunto á Dirección Xeral da Policía e a Garda Civil e red.es, dun laboratorio de probas na sé que a Policía ten no Escorial. Neste laboratorio, hoxe instalado no Edificio CENATIC, probáronse todas as implementacións do driver do DNIe orixinal e a súa compatibilidade coas principais distribucións libres, á vez que se traballou tamén en asegurar a compatibilidade cos lectores de tarxetas. Os resultados obtidos foron publicados por CENATIC co obxectivo final da liberación deste driver, feito que se conseguiu en 2010.
Agora, CENATIC centra os seus esforzos na capacitación do sector en materia de criptografía e seguridade para plataformas abertas, así como en xestionar e dar apoio á Comunidade OpenDNIe.
Fonte: CENATIC
