O convenio de colaboración asinado entre a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información por iniciativa do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), continúa a cumprir o plano de actividades previstos. Se en anteriores ocasións Mancomún xa deu conta dos encontros celebrados na Coruña, Vigo e Ourense, onte foi novamente o turno da cidade de Vigo.
Preto dunhas corenta persoas déronse cita na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra para participar na charla titulada “Vantaxes do Software Libre para as Peme: mellore a súa rendibilidade con Linux e SwL“. O encontro, dirixido fundamentalmente a directivos de empresa e responsables de Tecnoloxías da Información, centrouse na exposición das vantaxes que ofrecen as tecnoloxías libres e abertas no sector empresarial, así como a súa viabilidade de implantación nas PEME.
Xunto ao xa habitual Roberto Brenlla, representando a AGASOL como membro de TEGNIX, estiveron o o asesor do conselleiro de Innovación e Industria, Antonio Pérez Casas, e o vicepresidente da Fundación Innovapyme Galicia, José Ramón Pais.
Como novidade fronte a anteriores edicións destas charlas, o Galinux converteuse nun dos principais puntos de debate do encontro, dado as posibilidades que abre de cara á creación de adaptacións específicas dirixidas a sectores concretos do tecido industrial galego.
En relación a este tema, Antonio Pérez Casas recordou na súa intervención que o Galinux, como todas as iniciativas promovidas en torno ao software libre dende Mancomún, son o resultado dun compromiso decidido por parte da Consellaría de Innovación e Industria polo desenvolvemento pleno da Sociedade da Información en Galiza e plasmado no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).
