A Directora Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela, presentou un DVD con ferramentas informáticas de Software Libre, gratuítas e en galego dirixidas a satisfacer as necesidades informáticas da PEME galega.
Cos programas contidos neste DVD calquera empresa disporá de aplicacións para manexar a súa contabilidade, xestionar os seus recursos, levar a súa comunicación interna e externa para, en definitiva, integrarse nun modelo empresarial baseado no coñecemento e as TIC cun custo cero e na nosa lingua. Farase chegar este DVD á PEME e ás asociacións empresariais, cámaras de comercio e outros organismos intermedios co fin de dar a coñecer as vantaxes do Software Libre empresarial.
Este tipo de programas de xestión empresarial supoñen unha enorme oportunidade de negocio para as empresas tecnolóxicas galegas de desenvolver unha industria informática baseada nos servizos e nos produtos informáticos propios. Mancomun.org seguirá coordinando a tradución e difusión de Software Libre que satisfaga a demanda tecnolóxica da PEME.
