Mancomún

A consellería de Educación aposta polo SwL para o aproveitamento das TIC nos centros de ensino

Mércores, 28 Maio 2008

Chan do monteA conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, vén de manifestar a aposta decidida do seu departamento polo uso do Software Libre, ao tempo que destacou a relevancia que estas supoñen para un mellor aproveitamento das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nos centros de ensino.

Sánchez Piñón tamén fixo alusión á contratación por concurso público dos contratos de actualización e mellora dos sistemas informáticos da seu departamento e dos que xa deu conta anteriormente Mancomún. Estas contratacións repercutirán nun mellor aproveitamento dos equipos informáticos, tanto nos servizos centrais da consellería como nos centros educativos galegos.

Estas declaracións facíaas a conselleira durante a visita que, o pasado 22 de maio, realizou ao IES Chan do Monte en Marín (Pontevedra).

Este centro desenvolve unha interesante experiencia no campo do Software Libre, o cal é empregado tanto nos servidores como polos equipos de profesores e alumnos.

Mancomún entrevistou, no seu momento, a Manuel Morán, profesor de ciclo superior de informática no I.E.S. Chan do Monte en Marín que conseguiu legalizar todo o software do seu centro de traballo grazas ao emprego do Software Libre. A iniciativa de Morán permitiu ao centro, ademais do emprego de tecnoloxías abertas, ser un instituto dinámico e sempre activo con servizos innovadores a disposición de alumnos e profesores. Esta experiencia é un caso de éxito na aplicación do Software Libre non só polo importante aforro económico senón tamén por ser xerme de proxectos de gran calado coma Traducíndote e pioneira na migración dos centros educativos a unha tecnoloxía máis axeitada ás necesidades educativas.

Fonte: AGN

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal