A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia acaba de sacar a concurso o servizo de migración da súa plataforma de correo electrónico corporativo cara a unha arquitectura baseada en software libre. O anuncio foi publicado no DOG do día 1 de setembro.
O concurso está dotado cun importe de 180.000 € con I.V.E. e na seguinte ligazón pódense atopar os pregos das condicións técnicas e das cláusulas administrativas.
Algúns dos requirimentos desta contratación son:
- O desenvolvemento e implantación dunha solución baseada en software libre para a plataforma de correo electrónico da consellería que deberá incluír o servizo frontal de correo, o servizo de antispam, o servizo de antivirus, o servizo de caixas de correo e o servizo de webmail.
- A migración da plataforma actual de correo cara á nova solución de xeito que o usuario non perda ningún tipo de información asociada coa súa conta de correo electrónico
- Integración dunha interface web accesíbel segundo o estándar WAI-AA da W3C.
- O mecanismo de autenticación da solución deberá integrarse totalmente co sistema LDAP corporativo baseado en OpenLDAP.
- Os mecanismos de comprobación do estado do servizo deberán integrarse co sistema de monitorización Nagios.
A plataforma de correo electrónico corporativo proporciona servizo aos centros educativos, profesorado, alumnos e servizos centrais da consellería cun total de 50.000 contas de correo electrónico, xestionando máis de 1.200.000 mensaxes diarios.
A previsión da consellería é que estas cifras aumenten considerablemente nos vindeiros anos. Isto é debido á tendencia crecente da consellería a basear os procedementos administrativos en contas de usuario/a, as cales levan implicitamente asociada unha caixa de correo.
Máis información no DOG do 1 de setembro de 2009.
