A Conselleria d’Infraestructures i Transporte (CIT) da Comunidade Valenciá organiza para o vindeiro día 1 de decembro de 2009 en Valencia o 1.º MOSKittDay e o 2º EclipseDay.
A CIT é membro da Fundación Eclipse e lidera o proxecto MOSKitt para o desenvolvemento dunha ferramenta CASE libre baseada en Eclipse. Esta ferramenta desenvólvese no marco do proxecto gvPontis, o seu proxecto global para a migración de todo o seu contorno tecnolóxico a software libre, do que xa nos fixemos eco en Mancomún.
O MOSKittDay ten un dobre obxectivo: por unha banda, dar a coñecer o proxecto promovendo a colaboración con outras organizacións públicas e privadas; e por outra banda amosar as vantaxes da ferramenta a potenciais usuarios fóra dos límites da propia consellaría, identificando o valor engadido que MOSKitt pode proporcionarlles como ferramenta CASE (ferramenta de axuda ao Desenvolvemento Dirixido por Modelos – unha nova estratexia de desenvolvemento de software-) integrado nunha metodoloxía de desenvolvemento.
Conxuntamente, celebrarase o segundo EclipseDay en Valencia, co mesmo obxectivo, que o do 1.º EclipseDay do ano pasado: pór en contacto á comunidade española de usuarios e desenvolvedores de Eclipse mediante relatorios e titoriais técnicos, seguindo a filosofía de experiencias similares celebradas noutras partes do mundo. Os perfís dos asistentes poden ser moi diversos: académico, institucional, empresarial, etc…
Segundo a información que nos achega a organización, ambas xornadas teñen xa aberto o prazo de inscrición para calquera tipo de participación: relatorios, patrocinio, asistencia etc…
Todas as persoas interesadas en participar tan só deben poñerse en contacto coa organización a través do enderezo electrónico moskittday@moskitt.org ou tamén enviando a proposta á seguinte lista de correo: https://dev.eclipse.org/mailman/listinfo/spain-ec
