Mancomún

A Coruña acollerá a Akademy 2015

Luns, 26 Xaneiro 2015

Este ano Galicia, e concretamente a cidade de A Coruña, volverá ser o centro de atención da comunidade internacional de software libre, desta volta da man de GPUL e do contorno de escritorio KDE.

Logo de GpulLogo da AkademyA Asociación GPUL vén de anunciar que a Akademy 2015, a reunión anual da comunidade internacional de desenvolvedores e usuarios do contorno de escritorio KDE, vaise celebrar na cidade de A Coruña entre o 25 e o 31 de Xullo deste ano.

Dende GPUL afirman que para os seus socios é unha honra ter sido escollidos como colaboradores e anfitrións deste encontro internacional dunha das máis grandes e activas comunidades de usuarios de software libre do mundo, como é KDE.
Así GPUL colaborará co KDE Akademy Team para celebrar este evento de referencia da comunidade KDE na Facultade de Informática da Coruña, ao que agardan que asistan centos de persoas para debater e planear o futuro do proxecto KDE. Agardan tamén a asistencia de participantes procedentes doutros proxectos libres (entornos gráficos, distribucións, etc.) así coma de empresas de relevancia no sector e xente interesada no software libre en xeral.

Nos próximos meses iremos tendo novas sobre o call for papers así como todos os detalles relacionados coa conferencia, que sen dúbida será todo un éxito, dadas as referencias de GPUL.

GPUL , experiencia en organización de eventos e a súa relación con KDE

Non é a primeira vez que GPUL se embarca na organización dun evento destas características, de feito conta cunha dilatada experiencia nos seus máis de 15 anos de vida.

Foto de grupo na clausura da GUADEC2012

Así podemos mencionar por exemplo, a organización da GUADEC 2012, a conferencia internacional de desenvolvemento do contorno de escritorio GNOME, cun enorme éxito de convocatoria e de organización, chegando a ser recoñecida polos asistentes como unha das GUADEC mellor organizadas ata a data. Ese mesmo ano, GPUL foi galardoada co premio GNOME Hispano 2012 en recoñecemento á súa labor na organización de eventos de software libre, e en concreto, de eventos relacionados co proxecto GNOME (3 GUADEC-ES, a GuaDemy e a GUADEC 2012).

GPUL ten tamén fortes lazos de unión coa comunidade KDE sendo varios dos socios de GPUL así mesmo socios de KDE-España. GPUL mantén unha constante presencia nas actividades de KDE, ten organizado numerosas actividades relacionadas coas tecnoloxías KDE, como a Akademy-es 2008, en colaboración coa acabada de nacer asociación de KDE-España, a celebración do XV Aniversario de KDE cunha xornada especial, ou o sprint 2013 de KDE-Edu, entre outras moitas.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal