Segundo nos informan dende a organización, A Coruña acollerá a Open Source Conference ’15 que pretende cubrir o oco deixado pola Open Source World Conference no ano 2012 cando se celebrou por última vez na cidade de Granada.
Esta conferencia, que chega da man de Grupo Barrán SL, conta entre os seus obxectivos servir de punto de encontro entre profesionais do sector TIC, e en particular no eido do software libre.
Ademais, segundo a información xa dispoñible no portal web do evento, haberá un espazo adicado aos emprendedores TIC, que poderán expoñer os seus proxectos ante inversores que poidan estar interesados en apoialos, así como relacionarse con profesionais experimentados que lles poidan asesorar e guiar nos comezos das súas iniciativas empresariais. Finalmente tampouco se esquecen dos usuarios de software libre, que terán tamén o seu espazo para coñecer as vantaxes do software libre, as novidades do sector e aos profesionais que traballan en torno a el.
O lugar escollido para a celebración desta conferencia será o Palacio de Congresos e Exposicións da cidade da Coruña, durante os días 8, 9 e 10 de maio de 2015.
A temática será variada, e estará distribuída nos tres días, do seguinte xeito:
- O primeiro día estará máis orientado a profesionais.
- O segundo día contará con contidos para todo tipo de asistentes.
- O terceiro día estará máis enfocado a usuarios de software libre.
Dende a organización destacan que unha parte importante do contido irá enfocado a como se desenvolve o software libre e as utilidades que este ten na sociedade.
Ademais das propostas que se reciban a través do "Call for papers", que permanecerá aberto ata o 1 de marzo, durante estes tres días o evento contará con 6 ponencias de especial relevancia que pouco a pouco irań desvelando nas redes sociais e na páxina do evento.
Ademais das conferencias e da zona de emprendedores, haberá unha zona de stands ou expositores. Os interesados en dispoñer dun stand poden contactar xa coa organización a través do enderezo de correo secretaria @ oswconference . com.
De igual forma, tamén poden contactar coa organización os interesados en patrocinar o evento.
