- A presentación tivo lugar o pasado sábado 25 durante a conferencia Akademy 2015 que se está a celebrar na Coruña, reunindo a máis de 200 expertos en Software Libre de todo o mundo
- A asociación galega GPUL en colaboración con KDE e.V. , a Universidade da Coruña, a AMTEGA, e co apoio de numerosos patrocinadores, organizan o evento anual máis importante da comunidade KDE, e un dos máis importantes dentro do mundo do software libre.
A asociación GPUL e KDE e.V., en colaboración coa Universidade da Coruña, están organizando na Coruña (Facultade de Informática, Campus de Elviña) desde o pasado xoves 23 de xullo de 2015 e ata o 31 de xullo, a Akademy 2015, o evento anual máis importante para o desenvolvemento do Proxecto de Software Libre KDE.
Este evento conta tamén co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) grazas ao Convenio de colaboración para o fomento e difusión do Software Libre en Galicia asinado coas Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia, entre as que se encontra GPUL.
Un novo sistema operativo móvil
O anuncio máis importante producido ata a data no evento é a presentación a nivel internacional dun novo sistema operativo móbil, desenvolvido por KDE, chamado Plasma Mobile, que será un novo competidor no mercado actual, dominado case na súa totalidade por Android e Apple.
Sebastian Kügler, desenvolvedor principal do proxecto, adiantou que ademais da facilidade de uso, unha das prioridades principais é a privacidade: "O sistema respectará a privacidade do usuario, e non enviará información a compañías externas sen a confirmación do usuario".
De todas formas, consciente da importancia de Android no mercado actual, están actualmente traballando na compatibilidade coas aplicacións Android: "No futuro os usuarios poderán executar as aplicacións as que xa están acostumados no teléfono".
A pesar de ser polo momento unicamente un prototipo, os asistentes ao congreso puideron ver teléfonos con Plasma Mobile en funcionamento e probalo eles mesmos.
O evento, que reúne a máis de 200 desenvolvedores e usuarios do proxecto, contou con Matthias Kirschner, vicepresidente da Fundación do Software Libre en Europa, quen fixo a conferencia plenaria que serviu de inauguración ao congreso, na que falou da tecnoloxía como garante e tamén como ameaza anos nosos dereitos e liberdades.
Outras das ponencias versou sobre o proxecto UNESCO persist, para preservar o patrimonio cultural dixital. A ponencia foi impartida por Jos van den Oever, quen participou en varias reunións do grupo de traballo da UNESCO representando ao goberno holandés.
Apoio institucional e patrocinadores
Akademy 2015 conta coa colaboración da Universidade da Coruña, da AMTEGA, e da Xunta de Galicia, así como co patrocinio de empresas e entidades tecnolóxicas como Google, The Qt company, openSUSE, Blue Systems, Igalia, KDAB, Intel, Red Hat, Open Invention Network (OIN), froglogic e golem.de.
Importancia da tecnoloxía de KDE
KDE forma parte dos contornos de escritorio de varias das máis importantes distribucións de software libre coma Red Hat, Fedora, Debian, Kubuntu, OpenSUSE, Linux Mint, FreeBSD. KDE está tamén presente en dispositivos tan populares.
Entre os produtos software actuais que teñen a súa orixe en KDE destacan WebKit, sistema de renderizado de webs usado por navegadores coma Chrome ou Safari, e Owncloud, sistema de xestión persoal de computación na nube.

Software Libre: Unha elección ética
KDE pertence ao conxunto de programas denominados software libre, unha alternativa ao software privativo, pola que cada vez máis empresas e administracións están a apostar. Este tipo de software favorece a liberdade dos usuarios e ten no traballo en rede unha das súas bases de funcionamento.
