Mancomún

A Coruña prepara o maratón informático, a Arroutada Party

Xoves, 10 Setembro 2009

Arroutada PartyO Coliseo da Coruña comezou xa os preparativos para o que será a décimo sexta edición do maratón informático a Arroutada Party, que terá lugar na cidade herculina do 9 ao 12 de outubro.

Ao longo destes intensos catro días organizaranse obradoiros, campionatos, demostracións, concursos, videoxogos… Como en anteriores edicións, o software libre terá un lugar destacado, da man da asociación GPUL. Entre as actividades propostas destacan o concurso Scripting Bash, que consiste en crear un script para realizar algunha tarefa encomendada, ou o GlTron.

Por outra banda, haberá cabida para a Scene, o movemento social dos artistas informáticos. Debuxo artístico, composicións musicais ou programación gráfica son algunhas das áreas que inclúrá este espazo.
A rede deste ano, ao igual que na anterior edición, será cedida pola empresa Cisco Systems, e de novo, este festa informática contará cunha conexión a Internet simétrica e de calidade.

No tocante á extranet, unha das áreas máis visitadas polas persoas alleas á party en si, este ano estará composta por varias consolas con xogos, un futbolín, unha mesa de ping-pong e varias mesas con cartas, sobre todo con vistas a que os participantes “poidan descansar un pouco de tanto computador e consigan un anaco de lecer”.

A asociación AMIGA (Asociación da Mocidade Informática Galega) da Coruña, a organizadora deste evento, constituíuse no ano 1997 co obxectivo de “demostrar que os ordenadores non son simplemente ferrallos de oficina”; dende entón esta entidade non deixou de traballar en prol da difusión das novas tecnoloxías e Internet por toda a sociedade (en especial da máis moza) facendo especial fincapé (e isto é moito de agradecer) na extensión do galego dentro deste sector.

As persoas interesadas en participar deberá inscribirse na páxina web do maratón.

Fonte: Código Cero

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal