Mancomún

A Deputación Provincial da Coruña e a Universidade da Coruña liberan unha nova versión de gisEIEL

Mércores, 23 Decembro 2009

O grupo de sistemas de información xeográfica do Laboratorio de Bases de Datos da Universidade da Coruña, anunciou a liberación do código fonte da versión 2.1 de gisEIEL.

gisEIELgisEIEL é un aplicativo SIX desenvolvido sobre gvSIG mantendo a súa estrutura e funcionalidades básicas, pero adaptado para a xestión da EIEL (Enquisa sobre Infraestruturas e Equipamentos Locais) e incorporando notables melloras. A finalidade desta Enquisa é coñecer a situación das infraestruturas e equipamentos de competencia municipal, formando un inventario de ámbito nacional, de carácter censario, con información precisa e sistematizada dos concellos con poboación inferior a 50.000 habitantes.

Este aplicativo foi desenvolvido polo Laboratorio de Bases de Datos da Universidade da Coruña en convenio coa Deputación Provincial da Coruña e proporciona todas as funcionalidades necesarias para a análise, a xestión (inserción, modificación e borrado) e a validación dos datos da Base de Datos Territorial da EIEL (BDT-EIEL). Os cambios desta versión con respecto á anterior inclúen revisións e melloras dos módulos existentes así como novas funcionalidades.
Na actualidade esta ferramenta informática é utilizada polo servizo de Asistencia a Municipios da Deputación da Coruña como base para o desenvolvemento do Plan Estratéxico Provincial, a redacción dos proxectos provinciais financiados con fondos FEDER para o período 2007-2010, e a xestión de múltiples actuacións do ente provincial, así como polos concellos da provincia.

Pode descargarse o código fonte deste aplicativo nesta ligazón.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal